Lémbralle á veciñanza que é obrigatorio levar a máscara nos paseos pola beira do mar e a entrada e saída do areal
Comezan esta semana as obras de construción dunha rampla na praia do Matadoiro co fin de mellorar a accesibilidade
Ante a apertura mañá da tempada de praias, o Concello lémbralle á veciñanza a necesidade de cumprir coas medidas anticovid establecidas polas autoridades sanitarias. Os areais non contarán este ano con arcos de control de capacidades e, por iso, pídeselle á cidadanía a responsabilidade amosada até o de agora. E lembra que é obrigatorio levar a máscara á entrada e saída dos areais e nos paseos pola beira do mar.
Este ano, o equipo de salvamento está formado por 32 persoas. Repártense por Riazor, Orzán, Matadoiro, Santo Amaro, Oza e a Punta de Santa Cristina. Na baía Riazor-Orzán e Matadoiro, traballan 18 socorristas e máis unha persoa coordinadora; en Santo Amaro, 3; nas Lapas, 2; e en Oza e Santa Cristina, 6.
Ademais, as praias de Oza e Riazor contan cunha moto acuática e estará dispoñible unha terceira da empresa, xunto a tres táboas de rescate e ambulancia, soporte vital tipo B, que está na praia en comunicación radiotelefónica co resto do servizo.
Por primeira vez, a cidadanía terá acceso á aplicación móbil Ceus, gratuíta e que permitirá contactar directamente co servizo de salvamento, que poderá xeolocalizar no momento calquera emerxencia. A aplicación informará tamén das correntes e da cor das bandeiras que indican a perigosidade do baño, do índice de raios UVA, das condicións meteorolóxicas en tempo real e mais dos avisos que dean as/os socorristas en cada areal.
Ademais, volverán estar operativas as duchas, lavapés e aseos e durante o primeiro mes, informadoras/es advertirán das normas anticovid nas entradas dos areais e repartirán cinceiros e bolsiñas para depositar o lixo orgánico e o inorgánico. O Concello recoméndalle ás persoas fumadoras acudan aos puntos habilitados con cinceiros de pé para favorecer a convivencia entre as/os veraneantes. E, por último, a Concellería de Medio Ambiente porá en marcha de novo un programa de educación medioambiental dirixido á cativada.