Thursday 21 de November de 2024

A Xunta pon en valor as II Xornadas Internacionais de Madeira para impulsar o uso da madeira e o crecemento da industria forestal galega


― O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou este mediodía na clausura desta iniciativa que se levou a cabo en Arteixo

― O Goberno galego destina 2 millóns de euros a unha liña de axudas destinada á valorización e á segunda transformación das pemes da industria forestal galega e do contract, cuxas solicitudes poden tramitarse ata o 25 deste mes de xuño

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, asistiu este mediodía en Arteixo á clausura das II Xornadas Internacionais de Madeira 2021 organizadas pola Xunta en colaboración coa Escola de Arquitectura de Cesuga, onde subliñou a importancia de iniciativas de formación como estas para recuperar vellos oficios e impulsar a construción en madeira e o crecemento da industria forestal.

As xornadas deste ano contaron cun total de 30 inscritos entre os que se atopaban estudantes e profesionais da arquitectura, o deseño e a carpintaría que, durante unha semana, traballaron en definir unha instalación artística efémera de madeira de carácter temporal que tivese un uso social, poñendo en valor o espazo paisaxístico no que se integra. Así, contaron coas ensinanzas de Sebastián Ézaro e Stefano Pugliese, expertos en deseño e construción en madeira e cunha ampla experiencia na docencia.

A Xunta leva tempo apostando por este tipo de accións formativas e de divulgación para promover o uso da madeira, un dos compromisos de la Vicepresidencia segunda y Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Como exemplo deste compromiso, destaca a liña de axudas destinada á valorización e á segunda transformación das pemes da industria forestal galega e do contract, cun orzamento de 2M€.
Poden optar a estes apoios as microempresas, pequenas e medianas empresas da industria forestal, segunda transformación e do contract radicadas en Galicia para a realización de investimentos que teñan como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou produtos valorizados. Tamén para a posta en marcha de procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental, dirixido especificamente aos procesos produtivos da segunda transformación da madeira. A porcentaxe de axudas será do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario, e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o 25 deste mes de xuño.