― Pode accederse a ela a través dun visor web desenvolvido polo Centro Tecnolóxico do Mar e que reúne datos de carácter espacial tanto preexistentes como obtidos no marco do proxecto europeo Cockles
― A información está distribuída en máis de 50 capas, organizadas en catro áreas de estudo e cinco temáticas relacionadas co recurso e pode ser de grande utilidade para futuras investigacións sobre o berberecho
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, pon a disposición dos usuarios interesados información espacial sobre a produción do berberecho na Área Atlántica. A estes datos pode accederse a través da web https://utmar.cetmar.org/cockles-viewer/, onde hai un visor con información xeográfica obtida no europeo Cockles, Cooperación para a recuperación das pesqueiras de berberechos e os seus servizos ambientais na Área Atlántica.
Neste Sistema de Información Xeográfica (SIX) os usuarios poderán atopar tamén outra información relacionada coa situación das poboacións de berberecho. A información represéntase en 57 capas organizadas en catro áreas de estudo (Area Atlántica, Mar de Irlanda, Galicia e Portugal) e nas cinco temáticas relevantes para a súa xestión e conservación (distribución, xenética, ameazas, modelos de dispersión larvaria e servizos de ecosistemas).
Esta información que publican o Cetmar e os seus socios no proxecto Cockles pode ser de grande utilidade para futuras investigacións sobre o recurso ao longo da Área Atlántica, pois neste proxecto que se desenvolveu entre 2017 e 2021 compilouse información de carácter espacial xa existente en fontes como bases de datos de organismos oficiais e bibliografía e outra que resultou das investigacións do propio proxecto.
O Cetmar xerou dentro do proxecto Cockles diferentes ferramentas SIX como unha base de datos, un servidor e o visor. A base de datos permitiu almacenar toda a información preexistente xunto á xerada no proxecto nun mesmo repositorio que, grazas o servidor SIX, podería ser accesible para calquera usuario con coñecementos deste tipo de ferramentas. Por outra banda, á información do visor pode acceder calquera tipo de usuario, pois está representada de xeito sinxelo para facilitar o seu uso.
O proxecto Cockles
O proxecto Cockles desenvolveuse entre 2017 e 2021 co obxectivo de recuperar e aumentar a produción de berberecho e os beneficios que esta especie aporta tanto en forma de alimento, como polo seu papel no ecosistema e pola transcendencia social e cultural do seu aproveitamento. Foi financiado polo Programa de Cooperación Transnacional Espacio Atlántico cun orzamento de 3,6 millóns de euros, estivo coordinado polo Cetmar e contou cunha importante participación doutros socios galegos como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), a Universidade de Santiago de Compostela e, en calidade de colaboradores externos, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia e a Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados, entre outros.