Friday 22 de November de 2024

A Deputación da Coruña e os Concellos de Brión e Ames poñen en marcha a primeira festa histórica a Amaía


Presentado o libro “A batalla de Altamira”, cuxas autoras definen como “unha guía do acontecido para que a xente saiba o que pasou e sexa o inicio dun evento de maior dimensión social, cultural e económica”

Os responsables do plan director das Torres de Altamira descartan a existencia dun asentamento castrexo e sospeitan da existencia dunha torre orientada ao sur que non se contempla nos mapas históricos

A Deputación da Coruña, xunto cos concellos de Brión e Ames, veñen de poñer en marcha a primeira festa histórica do val da Amaía que conmemorará o 550 aniversario da Batalla de Altamira cunha programación de actividades que terán lugar o 12 e 13 de xuño. Un programa, denominado “Altamira brilla”, que arrancou esta mañá en Ponte Maceira (Ames) coa presentación das investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira, por parte dos investigadores Juan Mario Crecente e Luís Francisco López, e a presentación do libro “A batalla de Altamira”, das historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez.

Un acto que estivo presidido polos alcaldes de Ames, Blas García, e Brión, Pablo Sanmartín, xunto co deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas. Blas García destacou que este evento demostra que “Ames ten historia, Brión ten historia e o val da Amaía ten historia. Daba a sensación de que Ames, Brión e o val da Amaía naceran coa burbulla inmobiliaria, que naceramos da nada a carón de Santiago. Pero non, hoxe poñemos en valor unha parte da nosa historia máis importante e é importante que as xeracións que veñen detrás coñezan a nosa historia”.

Un punto no que coincidiu, o alcalde de Brión, quen salientou que “este libro supón coñecer como era o val da Amaía despois da revolta Irmandiña, con nobres e igrexa loitando polo poder. Unha historia que, en ocasións, é descoñecida para as persoas que vivimos nestas terras, moitas delas mesmo emparentadas coa xente que loitou nesa batalla aquel 13 de xuño de hai 550 anos”, salientando que “do coñecemento da nosa historia dependerá en gran forma que aprendamos a coidar, respectar e poñer en valor o noso patrimonio”.

Pola súa banda, o deputado provincial Xosé Luís Penas destacou que “A batalla de Altamira é un dos feitos máis importantes da historia da comarca e do país”, lamentando que a pandemia sanitaria fixera que este ano “a festa sexa moi reducida, pero agardamos que cada ano vaia medrando e terminará sendo todo un referente coa implicación dos veciños e veciñas de Ames e de Brión”.

A batalla de Altamira

As historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez presentaron o seu libro “A batalla de Altamira. A historia dun territorio estratéxico: as Torres de Altamira” como “unha guía do acontecido para que a xente saiba o que pasou e sexa o inicio dun evento de maior dimensión social cultural e económica”, segundo Pilar Rodríguez, quen insistiu en que o libro “é o primeiro chanzo na reconstrución deste feito histórico co obxectivo de dinamizar aos veciños e veciñas”.

Neste sentido, ambas historiadoras coincidiron en que o principal é que os veciños e veciñas de Brión e Ames coñezan a súa historia e estean orgullosos da mesma para poñer en marcha unha festa que despois poida atraer turistas doutras partes de Galicia. Sobre a propia batalla, Mercedes Vázquez salientou que “é das poucas batallas a campo aberto e iso fai da Batalla de Altamira un feito especial e moi relevante porque as Torres controlaban os camiños a Compostela de Noia e de Bergantiños”. Neste sentido, asegurou que “a batalla foi un paso relevante na conformación da Galicia moderna. Os cabaleiros tomaron folgos para loitar co arcebispo e todos recuperaron o poder, o que permitiu acadar un equilibro de forzas”.

Plan director

Finalmente, Juan Mario Crecente e Luís Francisco López presentaron as investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira. “Unha batalla que comezou por unha licenza de obras”, bromeou Mario Crecente ao referirse ao feito de que a reconstrución dun muro das Torres foi o detonante da reacción do Arcebispado de Santiago.

Luís Francisco López confirmou que “non detectamos ningún sinal de que houbera un asentamento castreño na zona, pero si detectamos unha fortaleza do século XV. O que se ve hoxe está construído con material novo pero sobre os restos dunha fortaleza anterior”. Así mesmo, destacou que “o fundamental agora é asegurar os restos que hai, porque se están deteriorando. Ése é o noso punto de partida”.

Pola súa banda, Juan Mario Crecente destacou que “temos 300 metros cúbicos de material para consolidar as estruturas”, comentando como os propios veciños e veciñas lles indican onde hai pedras da fortaleza e que foron empregadas tanto para vivendas particulares como para propiedades da Igrexa. Así mesmo, adiantou aos presentes que “sospeitamos da existencia dunha torre orientada cara o sur. Esta torre non está nos planos históricos que temos”.

Durante o acto deuse lectura á presentación do libro, que recolle que: “o día 13 de xuño de 1471 tivo lugar unha enorme batalla aos pés das Torres de Altamira. Dous exércitos de máis de 10.000 homes enfrontáronse nunha pelexa que en principio se presentaba igualada. Era o arcebispo de Santiago, Afonso de Fonseca II, e os cabaleiros máis importantes de Galicia, que se aliaran contra el. Uns loitaban polo dereito do arcebispo a gobernar a súa diócese e polo da Igrexa a posuír e gozar das rendas e dereitos que tiña de antigo e que sustentaban non só os cregos senón tamén as liturxias do altar do Apóstolo e o seu senlleiro templo. Outros buscaban consolidar aqueles bens que aquelas liñaxes de fidalgos medianos que emerxeran no século anterior fose agora grandes casas, de moita riqueza e innumerables vasalos. Había moito en xogo, de aquí a relevancia dos exércitos e dos seus capitáns, pero tamén da batalla en si mesma, pois poucas foron as lides deste tipo que houbo na Galicia daquel tempo.

Foi unha batalla en campo aberto, con diversos escenarios e sucesos previos, que tivo un desencadeante inmediato: o desexo de Lopo Sánchez de Moscoso de reconstruír e ampliar as Torres de Altamira. Esa acción tivo unha reacción: a tenaz resistencia do arcebispo, que non podía tolerar un castelo hostil ás portas de Santiago. Naquel día moito morreron ou quedaron feridos e ficaron para sempre na memoria das xentes os feitos daquela xornada, que se transmitiron ás xeracións que virían”.