Friday 22 de November de 2024

O Concello anuncia a súa oferta cultural e deportiva de verán, con preto de 40 actividades para todos os públicos


· Desde o inicio da pandemia, o goberno local mantivo a súa aposta pola cultura e o deporte, organizando propostas axustadas á nova normalidade.

O Concello de Carral prepárase para un verán cheo de actividades culturais, deportivas e xuvenís para todos os públicos. A oferta conta con preto de 40 propostas que se levarán a cabo ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto. Con este amplo abano, o goberno local reforza, aínda máis, a súa aposta pola promoción da cultura e o deporte, organizando propostas adaptadas á nova normalidade e nas que se cumpre, de xeito estrito, cos protocolos sanitarios pola covid-19.

A programación arrincará esta mesma fin de semana coas actividades do ciclo ‘Elas son artistas’. Este programa incluirá a realización dun obradoiro de arte urbano (12 e 13 de xuño), dun espectáculo de danza a cargo da compañía Cía. Entremáns e dun concerto de Pauliña. Estas tres propostas celebraranse na piscina municipal. Esta fin de semana está a ter lugar, ademais, o XVII Torneo de Tiro Olímpico (12 e 13 de xuño), organizado polo Club de Tiro Olímpico de Carral.

En xuño retomaranse, así mesmo, os cursos de pilates no Complexo Deportivo (entre o 14 de xuño e o 31 de agosto) e a actividade na piscina municipal (aberta desde o 18 de xuño e ata o 3 de setembro). A través da OMIX, levarase a cabo un obradoiro de arte urbana os días 25 e 26 de xuño. A última actividade deste mes chegará o 29 de xuño, ás 18.00 horas, cando Pedro Brandariz aterrará na contorna da piscina.

O mes de xullo suporá o inicio dun novo programa cultural, “Culturúa”, con proxeccións de películas ao aire libre, espectáculos na rúa e música. A iniciativa arrincará o 1 de xullo, ás 18.00 horas, no Campo da Feira co espectáculo ‘Mere Clown’. Ao día seguinte, o 2 de xullo ás 22.30 horas, as persoas interesadas poderán gozar da película “A illa das mentiras”, que se proxectará no Campo da Feira. ‘Culturúa’ continuará o 22 de xullo (ás 18.00 horas no Campo da Feira) cunha actuación musical para os nenos e nenas da man de Paco Nogueira. O 24 de xullo, o Mago Antón tomará o relevo e realizará varios pases do seu espectáculo de maxia no Campo da Feira. O cine volverá inundar o núcleo urbano o 30 de xullo, ás 22.00 horas, con “Érase una vez… Hollywood”. No mes de agosto, ‘Culturúa’ ofrecerá outras tres actividades: un concerto de Xavi Longueirón para os cativos e cativas (26 de agosto, ás 18.00 horas, no Campo da Feira), proxección da película “Mientras dure la guerra” (28 de agosto, ás 22.00 horas, no Campo da Feira) e unha actuación de Xaracandaina (domingo, 29 de agosto, coincidindo coa feira municipal).

O mes de xullo suporá o inicio dos cursillos de natación (que se prolongarán tamén en agosto), a celebración do ciclo ‘Músicas Íntimas’ (con actuacións de Lulavai e MJ Pérez), e o arranque dos cursos de Doma Clásica (3 e 4 de xullo no Centro Ecuestre Finca Abrigosa) e de Pádel (do 5 ao 30 de xullo). O Concello organiza, ademais, unha excursión ao Aquapark de Cerceda (7 de xullo) e unha ruta de sendeirismo (3 de xullo), entre outras propostas.

Os amantes do pádel terán a súa propia cita coa organización do Torneo de Pádel x Parellas. A competición disputarase entre o 15 de xullo e o 4 de setembro, e as persoas interesadas poderán anotarse ata o 12 de xullo.

Agosto virá tamén cargado de actividade. Para este mes, o Concello prevé a organización dunha ruta de sendeirismo (14 de agosto) e de rutas a cabalo (21 de agosto). A piscina volverá converterse no epicentro da actividade cultural e a instalación converterase no escenario no que Pedro Brandariz chegará cos seus ‘Contos e outras andrómenas’ (24 de agosto). O mes de agosto incluirá a celebración do IX Torneo de Xadrez de Verán (28 de agosto). O Concello concluirá a programación estival coa II Festa da Auga (domingo, 29 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas, na piscina municipal).

Actividades de conciliación

Ao longo de toda a época estival levaranse a cabo tamén os campamentos urbanos de verán en diferentes quendas: 1º irán os campamentos deportivos (28 de xuño ao 16 de xullo), a continuación os English sport camp (19 de xullo ao 6 de agosto) e, por último, os campamentos sobre Medio Ambiente (do 9 de agosto ao 3 de setembro). Nesta primeira quenda, a rapaza coñecerá a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Protocolo covid-19

Todas as actividades celebraranse tendo en conta as medidas fixadas polos organismos sanitarios en cada momento. As persoas interesadas en recibir máis información ou en anotarse poderán chamar aos seguintes teléfonos: 981 67 25 80, 678 33 88 47 e 674 793 475 (dispoñible para o envío de WhatsApps).