Como novidade, A Coruña será unha das primeiras cidades do mundo en que se poderá contactar de forma directa con algunha das 32 persoas que conforman o servizo de salvamento por medio dunha nova aplicación móbil
A concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, anunciou que, dentro do protocolo de praias deste ano, non se instalarán os arcos para controlar a capacidade nos areais, dado que a situación sociosanitaria
mellorou, pero que poderán habilitalos en caso de que as circunstancias sexan distintas e que cambien as restricións marcadas pola Xunta de Galicia. O que si instalou o Concello foron os valos en Riazor, unha medida de seguridade que permanecerá polo menos até o 30 xuño. Ademais, nesta tempada que empeza o 15 de xuño e se estenderá até o 14 de setembro, haberá paneis informativos para garantir a seguridade das persoas usuarias, unha das máximas que persegue o Goberno de Inés Rey. Como novidade, o Concello porá ao dispor da cidadanía unha aplicación móbil Ceus, gratuíta e que permitirá contactar directamente co servizo de salvamento, que poderá xeolocalizar no momento calquera emerxencia.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, destacou que A Coruña será unha das primeiras cidades do mundo en ofrecer este servizo tan completo xa que a aplicación dará conta tamén das correntes e a cor das bandeiras que indican a perigosidade do baño, do índice de raios UVA, das condicións meteorolóxicas en tempo real e mais dos avisos que dean as/os socorristas en cada areal. Así mesmo, lembrará como se realizan as técnicas de primeiros auxilios.
Pola súa parte, Fontán indicou que nestes tres meses volverán estar operativas todas as duchas, lavapés e aseos e que durante o primeiro mes, informadoras/es advertirán das normas anti-COVID nas entradas dos areais e repartirán borralleiros e bolsiñas para depositar o lixo orgánico e o inorgánico. Aínda así, a edila recomenda que as persoas fumadoras acudan aos puntos habilitados con borralleiros de pé para favorecer a convivencia entre as/os veraneantes. Por último, a concellería retomará un apartado de educación medioambiental dirixido á cativada.
ACCESIBILIDADE
A accesibilidade estará garantida este verán nos principais areais da cidade. En Oza e en Santo Amaro están a piques de rematar as obras e no Matadoiro comezarase este luns a instalar a rampla.
Debido ás correntes das augas, Fontán indicou que non se poden diferenciar zonas para as persoas que practican surf dos demais bañistas, polo que se acotará sobre a area unha parte da praia co fin de que entren e saian por ela as/os deportistas.
Pola súa parte, Borrego explicou que 32 persoas operarias conformarán o servizo de salvamento, dúas máis que o ano pasado. Repartiranse por Riazor, Orzán, Matadoiro, Santo Amaro, Oza e a Punta de Santa Cristina, de xeito que na baía – Riazor, Orzán e Matadoiro, traballarán 18 socorristas e máis unha persoa coordinadora; en Santo Amaro, 3; en Lapas, 2; e en Oza e Santa Cristina, 6. Esas dúas persoas máis distribuiranse en función do que pida a estrutura do servizo.
Ademais, o edil sinalou que o contrato deste ano contempla 200 horas máis do habitual, que se poderán usar para eventos e necesidades especiais. Canto ao material, explicou que Oza e Riazor contarán con moto acuática e estará dispoñible unha terceira da empresa, xunto a tres táboas de rescate e ambulancia, soporte vital tipo B, que estará na praia en comunicación radiotelefónica co resto do servizo.