Saturday 16 de November de 2024

As fotos de Xosé Castro, “fotógrafo da xente”, ata o 30 de xuño na Casa do Concello de San Sadurniño


O xornalista gráfico coruñés acudirá á inauguración da mostra, prevista para este domingo 13 de xuño ás 12.00h.

 

Xosé Castro, coñecido como “Pepucho”, leva máis de medio século coa cámara ao lombo retratando diferentes escenas da vida cotiá, principalmente na cidade da Coruña, onde traballou como fotoxornalista para La Voz de Galicia. A Concellaría de Cultura organizou para este mes de xuño unha escolma do seu traballo baixo o título “Paseando polos anos 60”, que vén sendo un retrato social de grande valor histórico e documental sobre esa década. Canda as fotos de Castro, descrito polo xornalista César Casal como “o fotógrafo da xente”, tamén poderemos ver cinco imaxes do seu mentor, o tamén fotoxornalista Alberto Martí, quen acudiu a San Sadurniño en abril de 1960 para tirar fotos da escola inaugurada meses antes ao pé da Avenida Marqués de Figueroa. Nas imaxes vense varios rapaces brincando nun recreo e por iso Cultura convida aos protagonistas a que pasen polo Concello para ver se están na foto e que acudan á inauguración da exposición este domingo, 13 de xuño, a partir das 12.00h.

Xosé Castro “Pepucho” (A Coruña, 1942) iniciouse na fotografía sendo un rapaz tendo como guías a súa propia maneira de ver a través da cámara e a experiencia de Alberto Martí, outro dos grandes do fotoxornalismo coruñés, quen xa levaba desde 1936 traballando para Foto Blanco, histórico estudo da cidade que atendía a foto social, a institucional e tamén a de xornais como La Voz de Galicia.

A mostra “Paseando polos anos 60” que se pode visitar no Concello de San Sadurniño de luns a venres entre as 9 e as 14.00h., recolle momentos da cidade e dos seus arredores (incluso da zona da Costa da Morte) capturando de todo: festas, bailes, persoeiros da época, etc., pero tamén escenas de grande valor sociolóxico e etnográfico, como por exemplo o retrato de tres nenos co niño e os ovos dun paxaro, a mirada entre perdida e traumatizada do sobrevivente a un naufraxio ou os berros tan desmaiados como impostados das carpideiras dun velorio.

O percorrido pola obra de Xosé Castro que se pode ver na Galería do Concello abrangue só os anos 60, aínda que algunhas das imaxes máis coñecidas de “Pepucho” son as vencelladas a episodios ocorridos ao longo da década seguinte. El foi o primeiro fotógrafo que chegou ao accidente de aviación de Montrove -Oleiros- en agosto de 1973, no que morreron 85 persoas. Tamén foi a súa cámara a que cubríu en 1977 o enfrontamento da Garda Civil coa veciñanza das Encrobas (Cerceda) por mor das expropiacións da mina de Meirama. E foron as fotos de Castro as que ilustraron na prensa o incendio que, en abril de 1978, calcinou parte do pazo de Meirás. A imaxe de dous gardas retirando do edificio un retrato do ditador acabaría converténdose en toda unha ícona da Transición reproducida centos de veces.

Na exposición fotográfica, a cuxa inauguración asistirá o autor, tamén veremos instantáneas dun dos seus mestres, Alberto Martí, quen fotografou en 1960 o grupo escolar construído pouco tempo antes en San Sadurniño.

Nas imaxes vense mestres e alumnado compartindo xogos á hora do recreo. Parte deles xa están identificados, pero aínda hai algúns que saen na foto -todos eles nenos duns 10 ou 12 anos- dos que se descoñece o nome ou sobre os que se teñen dúbidas de quen poden ser.

Por iso, se alguén foi nesa época ao grupo escolar (derrubado nos anos 90 para construír vivendas sociais), pode pasar pola Galería do Concello para ver se está na imaxe, indicarllo ao técnico de Cultura no 616 332 919 e acudir á inauguración da exposición, prevista para este domingo ás 12.00h.

“Paseando polos anos 60” poderá visitarse até o 30 de xuño nos horarios habituais de apertura das oficinas municipais: de 9 a 14.00h. de luns a venres.