A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), Verónica Marcos, para avaliar as liñas de colaboración que a Xunta mantén coa entidade para loitar contra a violencia de xénero e impulsar a igualdade de oportunidades no medio rural, potenciando o papel da muller como peza clave na vertebración do rural.
Lorenzana referiuse ao convenio de colaboración que o pasado 15 de outubro asinouse coa federación para o desenvolvemento de accións de sensibilización e formación fronte a violencia de xénero e sinalou a importancia de seguir apostando por accións conxuntas e enfocadas ao labor que desenvolve Fademur para erradicar esta lacra social. Así, destacou os obradoiros que desenvolven para facer visibles as violencias contras as mulleres, sobre resolución de conflitos, estereotipos e autoestima. A conselleira, así mesmo, indicou a importancia de seguir realizando accións de prevención e formación para sensibilizar ás mulleres rurais no eido da violencia de xénero e de continuar co traballo directo coas vítimas e os seus fillos.