Friday 22 de November de 2024

A Coruña recibirá o mellor tríatlon nacional e paratríatlon internacional o 19 e 20 de xuño


A concelleira de Deportes destacou que “A Coruña vivirá unha fin de semana de gran nivel deportivo coa chegada de deportistas de practicamente todas as comunidades autónomas”

A Liga Iberdrola de Tríatlon e a Liga Masculina de Tríatlon afrontan a súa cuarta e quinta xornada das sete programadas na Coruña, coa disputa os días 19 e 20 de xuño dos campionatos de España de Tríatlon por Clubs e por Remudas Mixtas. Ademais tamén se realizará a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs de Talentos, co Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas de Talentos, competición dedicada ás categorías cadete e xuvenil. Paratriatletas de diferentes países daranse cita no último evento internacional de paratríatlon que terá lugar antes dos Xogos Paralímpicos de Tokio, a Copa do Mundo da Coruña, coa opción de conseguir os últimos puntos para asegurar prazas.

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou que “A Coruña vivirá unha fin de semana de gran nivel deportivo coa chegada de deportistas de practicamente todas as comunidades autónomas” e sinalou que a realización de probas nacionais e internacionais como os eventos de tríatlon e paratríatlon na Coruña “significa que nos estamos recuperando, que aos poucos volvemos á normalidade e ademais ao grande, cunha proba tan importante para as e os atletas e para a cidade”.

Para Martínez, “despois dun ano tan complicado para todas e todos, tamén para as e os deportistas, o regreso da competición é unha magnífica noticia”. Ademais, lembrou que “a fachada marítima da cidade xa foi escenario de competicións nacionais de tríatlon e paratríatlon, e volve encontrarse coas e cos triatletas de toda España para amosar de novo as súas condicións idóneas para practicar o deporte”.

A Coruña foi sede nos últimos anos de diferentes competicións nacionais de tríatlon, e tamén de paratríatlon, e en 2021 albergará o último evento internacional de paratríatlon. Mónica Martínez entende que “o feito de poder conseguir a praza paralímpica é, sen dúbida, un aliciente máis para a transcendental cita mundial que se vai disputar na Coruña”. Para a afección local, moi numerosa na Coruña e en toda Galicia, será ademais “moi emocionante a nivel deportivo ter competindo na cidade a triatletas da calidade da galega Susana Rodríguez Gacio, seis veces campioa do mundo”.

A aposta do Goberno de Inés Rey, sinalou a edil, polo paratríatlon que demostra A Coruña representa un Concello convencido de que “o deporte fai cidade. Traballamos para consolidar o deporte como unha marca e por iso non só apostamos polos maioritarios, senón tamén polas modalidades menos coñecidas, ademais de realizar unha clara aposta polo deporte feminino e o deporte inclusivo”.

Durante a xornada do sábado 19 de xuño terán lugar as carreiras correspondentes ao Campionato de España de Tríatlon por clubs nas diferentes categorías, a partir das catro da tarde e correspondentes á cuarta xornada da Liga Iberdrola de Tríatlon e a Liga Masculina de Tríatlon, que comezaron a pasada semana en Águilas. A quinta xornada terá lugar o domingo 20 de xuño, coas probas do Campionato de España de Tríatlon Remudas Mixtas a partir das 8.45 h. En paralelo terá lugar o Nacional de Remudas Mixtas de Talentos, cuarta xornada da liga para as categorías cadete e xuvenil, que botou a andar con probas de dúatlon en Alcobendas e Valladolid, e continúa coas de tríatlon a partir da Coruña. A Copa do Mundo de Paratríatlon realizarase o domingo a partir das 11.15 h.