Friday 22 de November de 2024

A Coruña, primeiro escenario do circuíto de natación en augas abertas Travesía Costa 2021


O Concello busca impulsar os deportes náuticos nunha clara aposta de volver a nosa cidade cara ao mar e convertela nun destino deportivo

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, acompañada do edil de Turismo, Juan Ignacio Borrego, presentou esta mañá en María Pita a cuarta edición da Travesía Costa Coruña Desarrolla by Duacode, que se realizará este domingo na baía de Riazor-Orzán. Un evento deportivo 100% sustentable que, baixo o lema #Saímosaflote, reunirá na praia de Riazor a preto de 360 deportistas (297 homes e 63 mulleres) que competirán en dúas distancias: unha de 3.000 metros con saída e meta en Riazor, e outra de 1.000 metros, que reunirá a 150 persoas participantes na praia do Matadoiro, desde onde saen cara a Riazor. Unha muller de 68 anos será a persoa de máis idade que participe na proba.

Martínez subliñou que a promoción da práctica dos deportes relacionados co mar é un dos obxectivos do Goberno local de Inés Rey. A nosa intención, dixo, é volver a nosa cidade cara ao mar. Por iso, apuntou, esta proba ten ademais un valor especial: “A costa coruñesa é unha instalación natural inmellorable que nos ensina a coñecer e aprender a querer e respectar o mar como fonte de riqueza, pero tamén como lugar de pracer, diversión e actividade física”.

Para a concelleira, A Coruña é, sen dúbida, un referente na cultura deportiva e tras este gran parón que supuxo a pandemia da COVID 19 volvemos con novos retos e probas, con iniciativas que fomenten a afección e unha delas é a Travesía Costa Coruña. Entre outros motivos, dixo, porque o mar, o noso mar, foi unha das principais vías de escape nos  momentos duros que vivimos este último ano. “As augas abertas viron crecer o número de persoas afeccionadas que atoparon neste deporte unha escusa perfecta para desentumecer os músculos tras os meses de confinamento e agora por fin, a situación epidemiolóxica dános un respiro e permítenos volver gozar de grandes eventos deportivos como a ansiada Travesía Costa Coruña”, dixo.

Sinalou que moitas e moitos nadadores esperan con ilusión esta data, “e o Concello aínda máis porque o feito de que se poida celebrar confírmanos que nos estamos recuperando pouco a pouco, así que nos situamos na liña de saída xa que de aquí en diante quédannos moitas citas deportivas que disputar”.

Tamén puxo en valor o compromiso da proba coa sustentabilidade. Así, realizaranse diversas actividades para complementar a competición, entre as que destacan a limpeza da praia de Riazor e sesións de ioga para todos aqueles cidadáns que se queiran inscribir.

Pola súa banda, o edil de Turismo, Juan Ignacio Borrego, sinalou que “o mar que abraza a nosa cidade é un marco incomparable para unha proba que supón un reclamo turístico para unha cidade que suma deporte e mar”. E mostroulles ás persoas organizadoras e aos patrocinadores o seu maior apoio ao tempo que invitou a todo o mundo a gozar da cidade.

Doutra banda, Sergio Castellanos, un dos organizadores do circuíto, destacou que a edición pasada tivo un marcado acento solidario e este ano manterase ese espírito de colaboración, en este caso, centrado en dous dos sectores máis golpeados pola pandemia o turismo e a hostalaría. Este ano, poden participar persoas de 14 anos en adiante.