Saturday 16 de November de 2024

Alcaldes e portavoces do PP interésanse pola situación do parque eólico Pena de Corvo tras o informe negativo da Xunta


– A administración autonómica asegura que o parque está fóra das áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia

– Os representantes do PP no territorio ofrécense aos veciños para axudarlles en todas as reclamacións que desexen presentar a este proxecto

– A Xunta creará redes provinciais para informar aos concellos dos futuros parques eólicos que se poderían tramitar nos seus territorios

– O encontro celebrado esta mañá en Ordes contou con representantes populares de Ordes, Vilarmaior, Irixoa, Oza-Cesuras, Monfero, Betanzos e Carral

Os alcaldes e portavoces do Partido Popular afectados no seu territorio polo parque eólico Pena do Corvo, de 58,5MW de potencia, asistiron esta mañá en Ordes a un encontro convocado polo PP provincial xunto ao delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría.

Á reunión informativa, na que se explicaron os motivos da negativa da Xunta a este proxecto, acudiron o vicesecretario Territorial do Partido Popular da provincia da Coruña, Evaristo Ben, e os alcaldes de Ordes, Vilarmaior, Irixoa e Oza-Cesuras, así como os portavoces de Monfero, Betanzos e Carral.

Segundo explicou a representante da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, este parque súmase aos 35 proxectos tramitados polo Goberno Central en Galicia que recibiron informe negativo da Xunta por atoparse fóra das áreas establecidas polo Plan sectorial eólico de Galicia.

Do mesmo xeito, informaron que a Xunta está a defender un proxecto de desenvolvemento de enerxía eólica a través de proxectos que conten coas máximas garantías técnicas, xurídicas e ambientais, polo que non se poderán implantar parques fora destas áreas (a excepción de proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social e que posúan unha función vertebradora no territorio) nin nos espazos de Rede Natura.

Apoio do PP aos veciños afectados
Neste senso, os representantes do PP no territorio afectado polo parque Pena do Corvo mostraron a súa disposición a axudar aos veciños no momento de presentación de alegacións á proposta do Goberno Central, pois, segundo dixeron no encontro, “en ningún caso este proxecto pode saír adiante polo prexuízo que causaría ás nosas terras e a moitos veciños”.

Outra novidade que coñeceron os alcaldes e voceiros populares foi a intención da Xunta de poñer en marcha máis encontros informativos como o celebrado esta mañá en Ordes, así como a creación de redes de información provincial para que os concellos coñezan os futuros proxectos eólicos que se van tramitar en Galicia antes de iniciar o seu procedemento informativo.

Grazas a esta rede, os concellos recibirán información de primeira man dos proxectos antes da súa exposición pública. A previsión é que esta xestión se realice a través das xefaturas territoriais da Xunta nas distintas provincias, onde haberá acceso a toda a información dispoñible e ao estudo de impacto ambiental.