Friday 22 de November de 2024

“Brión coa cultura” levará polas parroquias unha decena de espectáculos musicais e teatrais ao aire libre en xuño e xullo


Trátase da segunda edición deste plan de apoio ao sector cultural co que o Concello de Brión busca achegar unha programación variada á súa veciñanza ao tempo que colabora co seu amplo sector cultural local

O Concello de Brión vai poñer en marcha, do 18 de xuño ao 8 de xullo, a segunda edición do programa “Brión coa cultura”, unha iniciativa artellada que levará dez espectáculos gratuítos e de pequeno formato polas distintas parroquias do municipio. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explica que “en vista do éxito acadado na primeira edición, decidimos apostar por unha segunda na que os espectáculos cheguen aos adros das igrexas parroquiais cumprindo todos os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias e tratando de minorar o duro golpe que supuxo a pandemia para o sector cultural, moi importante neste concello”.

Os dez espectáculos serán de entrada de balde ata completar o aforo, que se determinará de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias. En todo o caso, o público que asista disporá da súa cadeira, non permitíndose seguir o espectáculo de pe. Así mesmo, as actuacións terán lugar nos adros das igrexas parroquiais de Ons, Cornanda, Luaña, Os Ánxeles, Bastavales e Viceso. A única excepción será a parroquia de Brión, onde as actuacións terán lugar nun espazo máis senlleiro como é a carballeira de Santa Minia. Todos os espectáculos darán comezo ás 19:00 horas, coas únicas excepcións das dúas actuacións do Ciclo de Jazz e o concerto de Ruth Cundíns.

Así mesmo, o público que asista deberá portar sempre máscara, hixienizar as mans con xel hidroalcólico, manter a distancia de seguridade e permanecer na súa cadeira durante todo o espectáculo. “Contamos ter unha resposta aínda mellor ca do ano pasado, onde moitas familias desfrutaron das actuacións coas súas crianzas e cumprindo sempre os protocolos de seguridade”, indica Sandy Cebral.

Programa

“Brión cultural” estrearase o vindeiro venres 18 de xuño coa actuación de A Banda do Verán, co seu espectáculo “A Casa do Terror”. Será ás 19:00 horas, na carballeira de Santa Minia. Unha semana despois, o venres 25 de xuño, Charo Pita e Xoán Curiel porán en escena “Canta miña pedra, canta”, ás 19:00 horas no adro da igrexa parroquial de Ons. O luns 28 de xuño, ás 19:00 horas, o adro da Igrexa de Cornanda acollerá a actuación “Cantares das Letras”, de Luís Vallecillo. Un día despois, o martes 29 ás 19:00 horas, o adro da igrexa da Luaña acollerá a posta en escena da peza teatral “U-la lúa”, de A Xanela do Maxín.

O mércores 30, uns vellos coñecidos como Os Quinquilláns porán en escena “Por que é salgada a auga do mar?”, ás 19:00 horas no adro da igrexa dos Ánxeles. E o 1 de xullo, Títeres Alakrán pechará esta serie de actuación no adro da igrexa de Bastavales, tamén ás 19:00 horas. Porán en escena “Os soños na gaiola”.

Para o venres 2 de xullo, o Concello de Brión ten programada un novidoso Ciclo de Jazz na Carballeira de Santa Minia. Constará de dúas actuacións a cargo do Dúo Rafa Fernández e do Trío Pablo Sanmamed, que actuarán ás 20:30 e 21:30 horas, respectivamente. E o domingo 4 de xullo, ás 13:00 horas, a cantante local Ruth Cundíns dará un concerto no adro da igrexa parroquial de Viceso.

A compañía Teatro do Noroeste, coa obra “Animais de compañía”, será a encargada de pechar o “Brión coa cultura” o xoves 8 de xullo, ás 19:00 horas, na Carballeira de Santa Minia. O programa “Brión coa cultura” foi elaborado polo Departamento de Cultura do Concello de Brión e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.