― A intención da Xunta é retomar primeiro a actividade nos establecementos daquelas rutas que teñen menos oferta de aloxamentos privados
― A oferta pública vaise complementar coa privada na segunda quincena do mes, coa previsión de concluír a apertura da rede a principios de xullo
― A decisión baséase na progresiva reactivación das rutas, coa chegada duns 8.000 peregrinos desde abril
A Xunta abrirá o 15 de xuño case a metade dos albergues da rede pública para dar servizo a unha demanda crecente de peregrinos no Camiño de Santiago, froito dunha reactivación das rutas xacobeas ás que chegaron preto de 8.000 camiñantes desde abril, sobre todo a partir da fin do estado de alarma e coa relaxación das restricións de mobilidade.
Se ben a partir do 9 de maio, coa apertura dos peches perimetrais en Galicia, os peregrinos foron pouco a pouco retornando ao Camiño, a Xunta decidiu non abrir de inmediato os albergues públicos, agardando unha maior afluencia de camiñantes, e para non facerlles competencia aos privados, que estiveron moitos meses sen actividade
Os datos positivos das últimas semanas aconsellan incrementar os servizos. Fronte ao mes de febreiro, cando segundo os datos da Oficina de Acollida ao Peregrino de Santiago de Compostela nos se entregaron máis que 14 compostelas, no mes de maio o número de credenciais ascendeu a 4.295, e só na primeira semana de xuño rexistrouse a entrega de máis de 2.400, o que confirma a reactivación do Camiño e aconsella a progresiva apertura dos albergues.
A intención da Xunta é abrir antes os albergues daquelas rutas que teñen menos oferta de aloxamentos privados, coa finalidade de seguir compatibilizando os dous modelos. Así, o 15 de xuño está previsto retomar a actividade de cinco establecementos no Camiño Francés, cinco no Camiño Inglés, catro no Camiño de Fisterra-Muxía, catro no Camiño do Norte, tres no Camiño Primitivo, dous no Camiño Portugués e dez na Vía da Prata.
Para o 1 de xullo está prevista a apertura dos demais albergues, incluído o do Monte do Gozo (Camiño Francés) e o novo albergue de Vigo (Camiño Portugués da Costa). Os de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte) e Oseira (Vía da Prata) abrirán cando rematen as obras que se están a levar a cabo nos edificios, en tanto que os de Arca e Palas de Rei (Camiño Francés) pecharán provisionalmente en breve porque tamén van ser obxecto de melloras.
Ocupación e grupos burbulla
Atendendo ás últimas recomendacións do comité clínico que asesora á Xunta na desescalada, os albergues de peregrinos manterán o límite de ocupación no 30%, se ben aquelas persoas que declaren por escrito que forman parte dun grupo burbulla, poderán compartir habitación.
Os albergues reabrirán con todas as garantías de seguridade e sanitarias para acoller os peregrinos. De feito, a Xunta investiu nos últimos meses na formación de 300 hospitaleiros, na elaboración de guías e en axudas aos establecementos para a adecuación dos seus locais ás normas sanitarias ás que obriga a pandemia.
A reactivación do Camiño vén sendo a constatación de que turistas e peregrinos perciben Galicia como destino seguro, un dos obxectivos que se propuxo a Xunta, que confía no turismo e no Xacobeo como motor da recuperación económica de Galicia.