O Concello de Moeche vén de solicitar unha reunión con responsables do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) para presentarlles a solicitude formal de que o municipio sexa cualificado como zona de montaña no ámbito das axudas da Política Agraria Comunitaria. Canda a solicitude incluirase un informe elaborado polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa no que se avala o cumprimento das condicións físicas esixidas pola UE para que o territorio teña esa consideración, o que permitiría que as explotacións agrogandeiras obtivesen ata 2.500 € máis en axudas europeas. Dáse a circunstancia de que Moeche é o único municipio da zona que non conta coa cualificación, que si teñen recoñecida San Sadurniño, Cerdido ou As Somozas.
A caracterización dun territorio determinado como zona de montaña é competencia dos Estados Membros da Unión Europea, quen poden aplicar a definición por iniciativa propia ou por solicitude, no caso de España, das Comunidades Autónomas. Ese é o camiño que vai emprender o Concello de Moeche instando ao Fondo Galego de Garantía Agraria -organismo dependente da Xunta- a que tramite o recoñecemento perante o ministerio, co obxectivo de que o cambio poida estar en vigor de cara ao próximo período de axudas comunitarias.
Para ser zona de montaña, a UE establece o cumprimento de certas condicións climáticas, de características do chan e de presenza de inclinacións na paisaxe que implican maiores custes de produción e, polo tanto, menores rendementos por hectárea que a PAC compensa con axudas específicas.
Tal e como apunta o informe redactado polo xeólogo Francisco Canosa, Moeche cumpre cos mínimos requiridos pola normativa europea, xa que “unha parte moi salientable da súa superficie ten pendentes superiores ao 20%”. Ademais o concello tamén estaría dentro dos indicadores climáticos e físicos que figuran na definición de zona de montaña, relativos ás temperaturas medias anuais, á duración dos períodos vexetativos e ás condicións de humidade e composición do chan.
Nas conclusións tamén se pon de manifesto que os concellos limítrofes das Somozas, Cerdido e San Sadurniño -cualificados como zona de montaña- teñen características xeográficas, climáticas e edafolóxicas semellantes ás de Moeche. Segundo a alcaldesa, Beatriz Bascoy, que os municipios dos arredores sexan zona de montaña “é un agravio comparativo en termos de converxencia territorial e xustifica aínda máis que o noso concello se equipare con eles a efectos da PAC e dos plans de desenvolvemento rural. Ser zona de montaña pode supoñer ata 250€ máis de achega directa por hectárea de superficie agraria útil e ata 2.500 euros de axuda por explotación, que son moitos cartos.”
A rexedora lamenta que o Concello “non fixera os deberes” cando se iniciou a actual PAC 2014-2020 reclamando daquela a declaración de zona de montaña e agarda que a petición formal cursada agora “teña resposta afirmativa por parte do FOGGA e do ministerio e que poida ser de aplicación no novo período da PAC 2022-2027 que se está negociando nestes momentos”.