A concellaría de Turismo pon en marcha unha iniciativa para afondar nas herbas típicas do 24 de xuño da man dunha experta // As inscricións xa están abertas a través da Oficina de Turismo
A concellaría de Turismo do Concello de Padrón organiza unha novidosa actividade en relación coa celebración da noite de San Xoán. O 23 de xuño ás 12:00 horas realizarase unha ruta dende Santiaguiño do Monte para afondar nas propiedades das plantas e herbas de San Xoán. A experiencia estará dirixida por Rosalía Bermúdez, experta en herbas medicinais. A través dun paseo interactivo con todas as persoas participantes e no que se fomentará o respecto ás plantas, a guía vai explicar cales son as propiedades curativas destas herbas, cales son os rituais e as tradicións que se asocian a esta data cargada de misticismo e cales son as distintas composicións do “cacho de San Xoán”. A propia experta recomenda levar bolígrafo e caderno para poder tomar notas, a actividade é de balde e finalmente farase entrega dun ramo de herbas de San Xoán a cada persoa asistente.
“A través desta actividades poñemos en valor as tradicións da nosa cultura e ademais fomentamos un turismo sostible, respectuoso co medio ambiente e en contacto coa natureza”, explicou Lorena Couso, concelleira de Turismo.
As prazas son limitadas e vanse cubrir por orde de apuntamento. A inscrición xa se pode tramitar a través da Oficina de Turismo do Concello de Padrón, ben chamando ao 646 593 319 ou enviando un correo electrónico a turismo@padron.gal.
Tradicionalmente a noite de San Xoán está vencellada coa realización de rituais purificadores. En Galicia a tradición indica que a mañá do 24 de xuño hai que lavar a cara coa auga das herbas de San Xoán, compostas por unha mestura de determinadas plantas postas en remollo e deixadas ao orballo dende a noite do 23 de xuño.
O ramo se San Xoán debe estar formado sempre por un número impar de plantas, que son diferentes en cada lugar, posto que se recollen aquelas herbas curativas que crecen de forma silvestre en parques e montes de cada zona.