Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño ofrecerá a partir da semana que vén un servizo gratuíto de información sobre o trazado da VAP


O próximo 30 de xuño remata o prazo de exposición pública do proxecto de modificación do trazado da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte entre a AG-64 e A Sanguiñeira. Por este motivo, o Concello ofrecerá a partir da semana que vén un servizo de información á veciñanza sobre o contido do proxecto e as afeccións ás propiedades, na liña de que as persoas interesadas dispoñan de todos os datos necesarios para que despois, de ser o caso, poidan presentar as alegacións que estimen oportunas. Este servizo gratuíto atenderá presencialmente no salón de plenos do Concello os días 14, 15,17, 21, 22 e 24 de xuño -luns, martes e xoves das próximas dúas semanas- en horario de 10 a 13.00h.

A relación de terreos e bens que se verán afectados polo novo trazado da VAP publicouse no Diario Oficial de Galicia do pasado 19 de maio. Ao final do documento aparece o listado completo con indicación das referencias catastrais, o polígono e a parcela, ademais do nome das persoas -físicas ou xurídicas- que figuran como titulares. Tamén se indican a superficie total, os aproveitamentos e a cualificación do chan e a superficie concreta que se vería afectada, xa sexa por expropiación, pola imposición dunha nova servidume asociada á estrada ou pola ocupación temporal durante a execución das obras, para as que aínda non hai prazos.

Son un total de 455 propiedades tocadas dun xeito ou doutro polo proxecto, practicamente todas situadas no territorio de San Sadurniño e na súa maioría en chan rural de monte, labradíos ou pradarías. Con todo, en San Sadurniño tamén hai algúns bens afectados: un muro de bloques formigón e un peche de arame, unha caseta e unha balsa de auga, un invernadoiro e un depósito de auga, tal e como figura no anuncio de exposición pública.

Toda a información está na web da Axencia Galega de Infraestruturas recollida nun documento cheo de planos, cifras, medicións e outros datos que é certamente difícil de descargar se non se dispón de boa conexión a internet -pesa case 1 “Xiga”- e que, ademais, tampouco é doado de manexar e comprender se non é con axuda de alguén que saiba interpretar a información.

Esa é a razón de que o Concello contratase os servizos de Ámbita Oficina Técnica, quen lle explicará ás persoas interesadas de que maneira lles afecta o trazado da futura Vía de Altas Prestacións. O persoal da empresa atenderá no salón de plenos por orde de chegada entre as 10 e as 13.00h. os luns, martes e xoves desde o 14 ao 24 de xuño, ambos días incluídos.

Para axilizar as cousas pídese que, de ser posible, as persoas traian as referencias catastrais dos seus bens -as que aparecen no documento publicado no DOG-, aínda que este non é un requisito imprescindible. Tamén se debe ter en conta que o anuncio cita as parcelas co nome da persoa que figura como titular catastral. Ese será o principal dato que se lle deberá proporcionar á empresa para buscar a información, xa que pode darse o caso de que que os terreos cambiasen de mans e aínda non se lle comunicasen eses cambios ao Catastro, ou incluso que o solicitante da información sexa unha persoa herdeira que non figure como titular.

Tanto o anuncio do DOG como o proxecto dispoñible na web da AXI son documentos públicos que calquera pode consultar, non é necesario acreditar a condición de persoa interesada nin tampouco ningún título de representatividade, que só serían obrigatorios no caso de que posteriormente se decidan rexistrar alegacións.

O Concello reunirase coa veciñanza para tratar o impacto da VAP
A nova modificación do trazado da Vía de Altas Prestacións debuxa unha repercusión directa en canto a bens expropiados ou afectados por servidumes e ocupacións temporais. Porén, no percorrido proposto pola Xunta hai outro tipo de posibles afeccións que non se mencionan, como por exemplo a situación na que quedan algunhas vivendas de Cornide, Vilafiúnce, a Curuxa, a Pernuda, a zona do Camiño Arriba ou a Sanguiñeira.

Tras analizar a documentación, o Concello convocará proximamente unha xuntanza específica coas veciñas e veciños “que non aparecen nas expropiacións pero que si se verían afectados polo seu trazado”, explica Secundino García. No encontro explicaranse as distancias e alturas ás que lles quedaría a estrada “e outras repercusións que implica o actual deseño”, coa finalidade de que as persoas afectadas conten “coa máxima información e colaboración municipal” para poder presentar alegacións dentro do prazo, que finaliza o próximo 30 de xuño.