― O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade avanzou no Parlamento de Galicia que está a actuar con todas as ferramentas das que se dispoñen para garantir a conservación deste ben
― Trátase dun BIC singular en Galicia, do que só se ten constancia polo de agora a través de fontes documentais, pero non existen restos físicos que acrediten a súa existencia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia autorizará novos traballos de prospección para localizar a Torre de Teodomiro, no Concello de Aranga, e seguir preservando a súa protección patrimonial. Así o manifestou no Parlamento, onde deu conta das actuacións que se están a levar a cabo neste Ben de Interese Cultural (BIC), singular en Galicia, do que só se ten constancia polo de agora a través de fontes documentais, pero non existen restos físicos que acrediten a súa existencia.
Como expresou o representante de Cultura da Xunta, trátase dun caso “excepcional” que chegou a ser BIC a partir dun decreto estatal do século pasado que dispoñía que todos os castelos de España quedarían protexidos fora cal fora o seu estado. “Hoxe a Torre de Teodomiro xa goza da máxima protección e polo tanto calquera intervención que se pretenda realizar no seu ámbito deberá ser autorizada previamente. Estas actuacións contribuirán a despexar todas as dúbidas”, indicou.
Román Rodríguez salientou que os traballos autorizados para afondar na existencia da Torre centraranse en examinar a pé de campo os posibles restos da edificación, comprobar evidencias toponímicas e revisar documentación sobre unha antiga rede viaria, entre outras actuacións. A día de hoxe, os únicos datos dos que se dispoñen proveñen de historiadores e crónicas como Historia de la Ciudad de Betanzos de 1892 que falan dunha edificación construída no século V polo rei Teodomiro e situada no Monte do Gato, onde se prevé realizar un proxecto eólico.
Medidas previstas na lexislación
Neste sentido, Román Rodríguez recordou que a Xunta está a actuar con todas as ferramentas das que dispón para garantir a protección patrimonial deste ben e se están a cumprir todas as medidas previstas na lexislación. Engadiu que só se aproban proxectos que conten con todas as garantías necesarias, facendo compatible a produción da enerxía eólica coa protección e tamén sustentabilidade do medio ambiente. Tamén expresou que no caso de realizarse algunha intervención na zona deberá ser baixo control arqueolóxico, polo que de atoparse calquera resto paralizaríanse os traballos e a Dirección Xeral de Patrimonio adoptaría as medidas correctoras necesarias para unha axeitada conservación e protección dos bens atopados.