Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Brión recibe ao Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago polos seus éxitos no Campionato de Galicia de Trail 2021


Pablo Lago ofreceu a colaboración do Concello nos próximos proxectos do club: a organización dun Trail en Brión o próximo 5 de setembro e a posta en marcha de categorías para nenos e nenas

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e a concelleira de Deportes, Sandy Cebral, recibiron aos integrantes do Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago, aos que felicitaron polos seus recentes éxitos deportivos no Campionato de Galicia de Trail 2021. Un torneo disputado na Serra do Barbanza no que a atleta Eva de la Fuente se proclamou campioa de Galicia de Trail e o corredor Daniel Paz Pardo acadou o subcampionato de Galicia de Trail.

O alcalde brionés puxo en valor que “un club que se presentou en sociedade hai apenas un ano conseguira, xa non so os triunfos individuais de Eva de la Fuente e de Daniel Paz, senón tamén quedar terceiro clasificado na xeral por equipos a nivel autonómico”. Ademais destes tres galardóns, Juan J. Barral foi primeiro na categoría de 50 masculino e Inés Ferradáns foi segunda na categoría sénior feminino.

A maiores, o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago quedou primeiro clasificado por equipos no VIII Trail Serra do Barbanza, torneo no que conseguiron outros nove premios. Así, Daniel Paz Pardo foi campión da proba popular e primeiro clasificado na categoría M2M, mentres que Eva de la Fuente foi subcampioa do trail e primeira clasificada na categoría M2F. Tamén recibiron premios José Fernández Rendo (1º en M3M), Cristina López (2ª en M2F), Santiago Soleto (2º en M3M), Juan J. Barral (3º en M3M) e Raquel Vaamonde (3ª en sénior feminino).

I Trail de Brión “Fervenza do Pozo Negro”

As persoas integrantes do Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago aproveitaron tamén para presentarlle ao alcalde de Brión os próximos proxectos do club. Neste sentido, Pablo Lago comprometeu o apoio do Concello de Brión na organización do I Trail de Brión “Fervenza do Pozo Negro”, que terá lugar o vindeiro 5 de setembro; mentres que as persoas que conforman o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago se ofreceron a colaborar na organización da Carreira Pedestre da Amaia.

Finalmente, Sandy Cebral amosou a súa gran satisfacción pola confirmación de que o próximo mes de setembro o club vai poñer en marcha as categorías para nenos e nenas de Brión. “É un paso adiante moi importante, non só porque é unha aposta polo deporte de base e unha oferta de deporte san, senón porque son o futuro do equipo e sempre axudan a crear unión e implicación no club”, apuntou o alcalde de Brión.