O Concello tamén promove esta fin de semana as dúas etapas artísticas da Andaina Debuxada, dentro do proxecto Viñetas do Camiño
O Concello de Fene, a través da concellería de Medio Ambiente, vén de sumarse ao proxecto “LIBERA, unidos contra la basuraleza”, promovido pola ong SEO BirdLife e Ecoembes para frear as consecuencias do lixo abandonado nos espazos naturais e nos ecosistemas. O programa inclúe unha grande recollida colaborativa en todo o Estado que terá lugar este sábado, 12 de xuño, “para liberar a natureza do lixo que outros tiraron e non retiraron”. No marco da campaña, titulada “1 m2 contra la basuraleza”, o Concello de Fene fixou tres puntos de encontro para a limpeza que se desenvolverá esta fin de semana: na praia de Maniños, no Río Cádavo e no Camiño Inglés ao seu paso por Fene. A maiores tamén participan na iniciativa as asociacións Betula e Aetna cun punto de recollida no río Baa. A actividade complementa unha fin de semana ao aire libre na que tamén se desenvolverá en dúas etapas -sábado e domingo- a Andaina Debuxada de Viñetas do Camiño, promovida polas áreas de Turismo e Cultura para percorrer dun xeito distinto (e artístico) a ruta xacobea desde Ferrol até Pontedeume.
As persoas que queiran sumarse a esta grande recollida colaborativa de lixo na natureza teñen que inscribirse antes do sábado a través da páxina web do proxecto, seleccionando algún dos puntos de recollida previstos para o concello de Fene. Picando no mapa que se mostra nesa ligazón aparecen os puntos concretos e os xeitos de anotarse.
No caso dos promovidos polo Concello de Fene haberá que contactar co 633 622 667 ou enviar un correo a marta.pereiro@fene.gal. O aplicativo en liña tamén sinala a limpeza do Río Baa promovida por Betula e Aetna, quen xa teñen cuberto o cupo de participantes.
A recollida na praia de Maniños comezará ás 10.30h. no acceso ao areal, a do Camiño Inglés iniciarase ás 11.00h. na polideportiva da Fonte do Campo -ao pé da Casa da Cultura- e a limpeza no paseo do Cádavo comezará ás 11.30h. ao carón do Eroski, na Avenida Tarrío.
Organizaranse grupos dun máximo de dez persoas en cada localización para cumprir coas limitacións preventivas da COVID-19. Ademais, segundo informa a Concellería de Medio Ambiente, os materiais necesarios para a recollida (luvas e bolsas) entregaránselles ás persoas participantes nos espazos onde se vai levar adiante esta acción do proxecto Libera.
“LIBERA, unidos contra la basuraleza” é un programa impulsado pola ONG ambiental decana de España, SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes. O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo.
Andaina Debuxada do programa “Viñetas do Camiño”
A proposta ambiental coincide esta fin de semana coa Andaina Debuxada de Viñetas do Camiño, unha das principais propostas deste programa promovido polas áreas de Cultura e Turismo para descubrirmos o Camiño Inglés dun xeito distinto.
A primeira etapa, tamén o sábado 12 de xuño, sairá ás 9.00h. do peirao de Curuxeiras pasando logo polos Xardíns de Herrera, Santa María de Caranza, San Martiño de Xuvia e o Muíño das Aceñas, antes de facer parada para xantar no Paseo Marítimo de Xuvia. De tarde proseguirase o camiño a partir das 15.35h. con paradas no albergue de Neda, na Igrexa de San Nicolás e, por último, no Museo do Humor.
En todas estas estacións as persoas participantes poderán facer debuxos ao vivo na compaña de artistas de renome. En orde de percorrido están convidados e convidadas Elga Fernández, Blanca Escrigas, Carmen Martín, Leandro Lamas, Calros Silvar, Cristian F. Caruncho e Xaquín Marín.
Ao día seguinte, domingo 13 de xuño, a Andaina Debuxada reemprenderá camiño ás 9 da mañá na Fonte do Campo deténdose ao longo da xornada na Casa do Concello, no Camiño de Mundín, na Fonte de Santa Lucía, na praia cabanesa da Madalena e, finalmente, na Alameda e na sede da Confraría de Pontedeume, onde rematará a camiñada a iso das 14.40h. Nesta segunda etapa participarán en cada lugar as ilustradoras Laura Bouza, Beatriz Seijo e Dulce Anca e os debuxantes Juan Manuel Rubio Lozano e Hugo Feal.
Tanto un día como outro contarase con guía oficial para presentar ás artistas e explicar o patrimonio material e inmaterial que se atopa a cada paso do itinerario. Os debuxos que saian da experiencia exporanse en formato virtual e físico ao remate do proxecto Viñetas do Camiño.