Saturday 16 de November de 2024

O centro “Fernando Roade” abre as súas portas para lle achegar á cidadanía as políticas contra o cambio climático


O Concello anuncia a convocatoria dun premio que levará o nome do impulsor do centro para pór en valor todas aquelas iniciativas desenvoltas na cidade para mitigar as emisións de CO2

No marco da Semana do Medio Ambiente, a concelleira Esther Fontán, acompañada da concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, e de varios edís da Corporación, inaugurou esta mañá no parque de Bens o Centro municipal para o clima e a enerxía sustentable “Fernando Roade”. O acto contou coa presenza da viúva e das fillas de Fernando Roade, que lle agradeceron ao Concello a iniciativa de poñerlle ao centro o nome do seu pai.

O obxectivo do Goberno de Inés Rey é que este novo centro municipal permita achegar, de forma clara e accesible a todo tipo de público, o proceso de transición enerxética que a nosa sociedade precisa para a súa supervivencia e, ademais, ofrecerlle unha merecida homenaxe a Fernando Roade, que foi a persoa que fixo posible que a nosa cidade se situase á vangarda, no que a protección do clima e promoción da enerxía sostible se refire, durante todo o tempo no que foi responsable da Área de Medio Ambiente.

Desde este centro levaranse a cabo actuacións contra o cambio climático e a redución das emisións do CO2 no municipio da Coruña. O acto contou coa colaboración da Axencia Estatal de Meteoroloxía, AEMET, coa que se realizará un traballo conxunto de investigación para o que todos os días se lanzará un globo meteorolóxico desde Bens co fin de recoller datos que permitirán realizar previsións máis precisas de todo o que está acontecendo respecto ao cambio climático. Ademais, a AEMET implantou un equipo de sondaxe automática para medir o aire en altura.

O Concello, tras o fin da produción do biogás e do selado do vertedoiro de Bens e, con iso, da enerxía producida nas súas instalacións, inicia un novo camiño para outorgar ao centro a relevancia que merece e un novo simbolismo dentro da Estratexia Local Contra o Cambio Climático, como proxecto impulsor das políticas municipais nesta materia. Para percorrer este camiño, o Concello colabora coa Axencia Estatal de Meteoroloxía, implantando no centro instrumentos de observación meteorolóxica de última xeración e de importancia planetaria, así como novas formas de producir enerxía mediante fontes renovables, que se irá incrementando co paso dos anos. Ademais, implantouse unha estación hibrida solar e eólica de 20 kilovatios.

Fontán lembrou como a instalación, executada baixo a etapa de Roade como responsable da Área de Medio Ambiente, supuxo un fito na recuperación ambiental da Coruña, “símbolo da sustentabilidade enerxética e de loita contra o cambio climático desde o local, e recibiu importantes galardóns internacionais polo innovadora da súa proposta”. Desde 2003 leva producidos case 80 millóns de kilovatios/hora de enerxía.

Como complemento a este centro e ás políticas ambientais que desenvolve o Concello contra o cambio climático, a concelleira anunciou a convocatoria do Premio “Fernando Roade” para pór en valor e difundir todas aquelas iniciativas desenvoltas na cidade para mitigar as emisións de efecto invernadoiro e a adaptación ao cambio climático desde o local.