Friday 22 de November de 2024

A Xunta amplía en 1,4M€ máis o orzamento da tarxeta do Bono Turístico para chegar a máis beneficiarios e favorecer o sector


Uns 6.500 adxudicatarios poden facer uso xa do seu crédito, o que terá un efecto multiplicador no sector turístico da comunidade

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, acompañou en Vigo aos primeiros receptores da campaña #QuedamosEnGalicia, unha iniciativa pioneira que mobilizará 7,5M€

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañou en Vigo aos primeiros adxudicatarios da tarxeta bono turístico #QuedamosEnGalicia, que xa poden facer uso do crédito dispoñible no milleiro de establecementos que se sumaron á convocatoria.
En total, foron 6.500 os beneficiarios da tarxeta. A demanda superou de lonxe as expectativas, xa que as prazas dispoñibles esgotáronse en menos de 12 horas e foron uns 30.000 os solicitantes na segunda edición dunha convocatoria pioneira que vai mobilizar 7,5 millóns de euros en Galicia.
Rematado o prazo para a tramitación, máis de 20.000 demandantes quedaron en lista de agarda. Os titulares de estas solicitudes aínda poden beneficiarse da tarxeta, xa que a Xunta vén de ampliar o seu crédito para chegar a máis galegos e seguir beneficiando os sectores hostaleiro e turístico, uns dos máis prexudicados pola pandemia.
O orzamento do programa incrementarase en 1,4 millóns de euros, procedentes das aportacións das Deputacións de A Coruña e de Ourense, que suman 450.000 euros, así como dos beneficiarios do bono sanitario do ano pasado que non puideron facer uso deles este ano, polo que ese crédito dispoñible, preto de 900.000 euros, súmase á convocatoria do 2021.
Alfonso Rueda, acompañado da delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, subliñou que, aínda que os beneficiarios xa poden facer uso da tarxeta -de feito os primeiros que as recibiron xa as estrearon-, teñen en realidade ata finais de ano para desfrutar dunha iniciativa que pretende favorecer ao maior número de galegos posible e reactivar o turismo, que nun ano especial como é o do Xacobeo 21-22, será o motor da reactivación económica de Galicia.
Con esa intención, a Xunta puxo en marcha campañas de dinamización do turismo interno, como #QuedamosEnGalicia, e de desestacionalización do turismo, como #ElixeGalicia, coas que Administración autonómica mobilizou preto de 10 millóns de euros.