O primeiro dos tramos construirase no remate da senda Carballo-Bértoa e no entorno do centro comercial e o segundo entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, visitou hoxe a zona na que se construirán dous tramos de sendas peonís e ciclistas na estrada AC-552, cuxos proxectos están, desde hoxe, a información pública.
O primeiro dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 34+400, no final da senda Bértoa-Carballo e o 34+860, no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, pola marxe esquerda da estrada, recollendo tamén unha prolongación de 300 metros en dirección Carantos. O segundo dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 44+300 e o 45-080, entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi, pola marxe dereita da estrada.
Segundo avanzou Gonzalo Trenor, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto destes novos itinerarios peonís e ciclistas do concello de Coristanco. Os interesados terán un prazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, para trasladar as súas achegas e suxestións.
Esta actuación suporá un investimento aproximado de máis de 631.000 euros. O obxectivo desta intervención é o fomento da mobilidade sostible conectando núcleos de poboación entre eles e as zonas de servizo existentes na contorna, así como a mellora da seguridade viaria neste treito.
Segundo o proxecto redactado polo departamento de infraestruturas da Xunta, os novos itinerarios adaptaranse á configuración das edificacións existentes. No primeiro dos tramos, duns 800 metros de longo, no final da senda Bértoa-Carballo e no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, xa existen partes de sendas de nova execución e outras nas que que hai que renovar ou ampliar a a beirarrúa existente e eliminar obstáculos, de xeito que se acade un itinerario continuo accesible. Por outra parte, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, proxéctase unha leve modificación da curva existente ao longo dese treito.
No segundo dos tramos, duns 780 metros de largo, ao final das beirarrúas de Agualada e o punto de acceso ao cemiterio de Agrilloi, será necesaria a construción dunha pasarela ou ampliación de estruturas no seu paso polo río Calvar. Levarase a cabo unha ampliación da porte mediante un voadizo que permita a integración na plataforma do espazo necesario para a senda peonil.
Trenor subliñou que esta actuación supón seguir avanzando no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, no que 6 dos itinerarios previstos nunha primeira fase están xa rematados.
Remarcou que este plan permite poñer á disposición dos veciños 11 km de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de 5 millóns de euros.
O delegado da Xunta comprometeuse a seguir traballando en novos proxectos para reforzar a seguridade das estradas, como o itinerario do Couto, en Ponteceso e os de Soesto e Serantes, en Laxe.