A iniciativa do Museo de Pontevedra e do programa ‘O teu Xacobeo’ finaliza o seu percorrido por Galicia na vila padronesa
O vindeiro 18 de xuño o Auditorio Municipal do Concello de Padrón acollerá a mostra ‘Museo en Camiño’, deseñada polo Museo de Pontevedra e o programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia. O obxectivo desta exposición itinerante é dar a coñecer os fondos da institución museística de Pontevedra e afondar no espírito Xacobeo nos municipios do Camiño Portugués. Así, Padrón é un dos destinos desta mostra, que percorrerá entre os meses de abril, maio e xuño dez localidades -Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Rei, Valga e Pontecesures-.
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, destacou “a oportunidade que supón para a cativada de Padrón ter acceso a esta mostra con fondos moi significativos da cultura e do patrimonio galegos. De novo, o feito de que os organizadores elixisen Padrón entre as dez localidades da exposición itinerante demostra a influencia e transcendencia do Xacobeo no noso municipio”.
A exposición está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que para participar entre as 17:00 e 18:30 horas o vindeiro 18 de xuño deben reservar gratuitamente praza no enderezo-e contacto@tallerabierto.info, posto que dadas as medidas sanitarias o número de participantes é limitado. As crianzas do concello de Padrón terán prioridade para realizar esta actividade.
Durante o obradoiro de expresión plástica proposto os neno e nenas poderán afondar no patrimonio artístico e cultural do Camiño de Santiago. Os fondos da institución museística chegarán á poboación infantil grazas a unha maleta viaxeira, que contén réplicas en miniatura de pezas do Museo de Pontevedra. Por exemplo, o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane.
Os equipos de ‘Taller abierto’ e ‘Paspallás’ serán os encargados de dar forma ás unidades didácticas coas que os nenos e nenas poderán afondar na historia, no arte e no patrimonio partindo destas mostras do Museo.
A actividade está organizada pola Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 2021, polo Museo de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra en colaboración con cada un dos concellos participantes.