O Concello de Padrón acollerá o vindeiro sábado 12 de xuño a Concentración de Escolas Benxamín e Alevin de Hóckey de Galicia no campo de herba artificial de Pazos (Padrón). Para a organización deste encontro entre clubs a Federación de Hóckey de Galicia contou co apoio do Concello de Padrón e do club HC Santo Domingo. Ao longo do día celebrarán unha comida e numerosas actividades deportivas ao aire libre.
Máis de 200 xogadores participaran nesta xornada na que se extremaran as medidas de seguridade relacionadas coa Covid-19. “Dende a organización e o Concello medimos todo ao detalle independentemente de que se trata dun evento ao aire libre, posto que para poder celebrar un acto destas características é imprescindible ter en conta todas as medidas determinadas polas autoridades sanitarias”, explicou Lorena Couso, concelleira de Deportes do Concello de Padrón.
Pola súa banda, Roberto Barata, responsable de Promoción da Federación Galega de Hóckey, explicou que o “obxectivo é celebrar unha xornada de convivencia deportiva e familiar”.
Todos os clubs que participan nesta iniciativa confirmaron previamente a súa asistencia co número exacto de persoas asistentes para poder facilitar a organización do evento. Do mesmo xeito, realizarase un control de temperatura previo para poder participar nas xornadas e a maiores aquelas persoas que se acheguen o propio día da concentración terán que inscribirse nun rexistro.