Thursday 21 de November de 2024

O Concello de Moeche xunta as árbores autóctonas do país en tan só un ferrado


Galicia nun ferrado é o título do panel informativo que este sábado, co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, se instalou na parcela situada ao pé do castelo de Moeche. Un terreo que acolle árbores representativas da práctica totalidade de especies silvestres do país. Desde o panel podemos coñecer o nome de cada un dos exemplares na nosa lingua, coa súa versión en latín e en castelán, e ir orientándonos para descubrir as distintas árbores autóctonas, desde o estripeiro, o gregoriño ou o capudre ata os máis comúns, o castiñeiro ou o carballo, ou tamén o acereiro, a aciñeira ou o rebolo, e así ata 37 especimes distintos.

Desde hai meses o espazo situado ao pé do castelo, próximo ao adro de San Xurxo, foi xuntando pés de diferentes especies autóctonas silvestres,” facendo realidade o proxecto que impulsou o noso veciño Jose Manuel Pita, coa colaboración do Concello, desde as concellerías de Cultura e de Medio Ambiente, así como de membros da A.VV. O Val de Moeche. Un proxecto que abre as portas ao coñecemento do noso patrimonio natural e á nosa historia”, explica a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

As persoas que se acheguen ao Castelo ou que visiten Moeche, nomeadamente as excusións escolares, poderán ollar todas as especies silvestres propias de Galicia neste recanto, de pouco máis dun ferrado de superficie.

Cunha rápida e áxil visualización, podemos coñecer as características das distintas especies e establecer diferenzas entre elas, segundo as súas áreas climáticas habituais.

Así, 24 delas agrúpanse pola afinidade costeira-atlántica, outras pertencen á variedade oceánico- atlántica subtropicalizada ou mediterránea (zona de confluencia do Miño-Sil, Serra da Enciña, da Lastra e arredores) e os pés restantes, situados cara ao sur, son representativos das zonas medias e altas do interior das provincias de Lugo e Ourense. Ademais, a plantación tamén conta con piñeiros e nogueiras, comúns en todas as zonas climáticas de Galicia.

Nunha segunda fase , cada árbore contará co seu panel informativo individualizado asi como con sistemas de coñecemento lúdico do espazo para a rapazada.