Suporá un investimento de máis de 775.000 euros e dará servizo ás parroquias de Añá, Moar e Céltigos
O alcalde de Frades, Roberto Rey, presentoulle á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, un novo proxecto para levar o abastecemento ás parroquias de Añá, Moar e Céltigos, orzamentado en algo máis de 775.000 euros. Roberto Rey explica que se trata “dun proxecto que reduce o gasto inicialmente previsto, amplía o número de veciños beneficiados e nos permitiría completar o abastecemento de auga en todo o municipio”.
Este novo proxecto substitúe o presentado inicialmente polo Concello de Frades, que só incluía as parroquias de Añá e Moar e superaba o millón de euros. “Despois das visitas dos técnicos da Consellería e de Augas de Galicia fomos quen de reformular o proxecto para reducir o seu custe e, ao mesmo tempo, incluír a parroquia de Céltigos onde núcleos importantes como Campoduro non tiñan acceso ao abastecemento de auga”, explica o alcalde de Frades.
Roberto Rey agradeceu a boa disposición da conselleira Ethel Vázquez cara este proxecto. “A conselleira falounos da posibilidade de asinar un convenio de colaboración a tres bandas, implicando a outra administración máis, para poder así comezar o proxecto no 2016 e financialo nun par de anualidades”, apunta Rey Martínez.
PXOM e AC-524
Así mesmo, o alcalde de Frades, que estivo acompañado polo deputado autonómico e concelleiro de Relacións Institucionais, Miguel Prado Patiño, aproveitou para plantexarlle á conselleira outros asuntos de interese para o municipio, centrándose na tramitación no primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal de Frades. Roberto Rey obtivo o compromiso de Ethel Vázquez de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas resolverá o antes posible, en canto o documento reciba o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio.
Pola súa banda, Miguel Prado aproveitou o encontro para solicitar a inclusión da estrada AC-524 Ordes-Lanzá no programa de mantemento de estradas da Xunta. “Estamos falando dunha estrada moi utilizada, pois é a saída natural cara a N-634 e a A-6 de moitos vehículos, pasa por unha localidade importante de Frades como é Abellá e a capa de rodadura se atopa moi deteriorada, a pesar dos arranxos realizados o ano pasado”, sinala Miguel Prado, quen apunta que “a conselleira comprometeuse a enviar aos técnicos para facer un estudo da zona para ver a posibilidade de incluír esta estrada no programa de mantemento de estradas autonómicas”.