Friday 22 de November de 2024

A Xunta incorpora 27 ciclos e 842 prazas novas á oferta de FP da provincia da Coruña ao abeiro da creación de tres centros integrados


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación de ciclos onde se poderá solicitar praza a partir do 25 de xuño

Os novos CIFP, en Culleredo, Ferrol e Pontedeume, suman sete novos ciclos e 262 prazas, reforzando a especialización da súa oferta

Tres ciclos poderán cursarse por primeira vez na provincia: o básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas, o medio en Guía no medio natural e de tempo libre e o superior en Organización e control de obras de construción

Pártese dun proceso de diálogo coa comunidade educativa na que se analizou a demanda do alumnado, a inserción laboral e as necesidades do tecido produtivo

SaA Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a oferta de ciclos de Formación Profesional nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– para o curso 2021/2022, que recolle 27 ciclos e 842 prazas novas na provincia da Coruña, ao abeiro da creación de tres novos centros integrados –CIFP Universidade Laboral de Culleredo, CIFP Leixa en Ferrol e CIFP Fraga do Eume en Pontedeume– e do reforzo das prazas a distancia para facilitar que as persoas traballadoras melloren a súa cualificación profesional.

De feito, os tres novos CIFPs concentran un incremento de sete novos ciclos e 262 prazas, reforzando a especialización da súa oferta, e na FP a distancia o incremento é de 12 ciclos e 600 prazas. A oferta de ciclos na modalidade de Dual e dos novos másteres de FP publicarase nas próximas semanas.

Ademais, tres ciclos poderán cursarse por primeira vez en Galicia, todos eles con oferta na provincia da Coruña: o básico en Acceso e conservación en instalacións deportivas (no CIFP Universidade Laboral de Culleredo), o medio en Guía no medio natural e de tempo libre (nos institutos de Porto do Son, de Sabón de Arteixo e no CIFP Universidade Laboral de Culleredo) e o superior en Organización e control de obras de construción (no CIFP Someso).

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade oferta nos réximes ordinario e modular para adultos nos centros públicos da provincia da Coruña 12.907 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 499 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 9.282 forman parte do réxime ordinario –3.445 en grao medio, 4.127 en grao superior, 1.440 en FP Básica e 270 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa–, mentres que outras 1.875 son do réxime modular para persoas adultas –884 grao medio e 991 en grao superior–, e 1.750 do réxime modular a distancia –550 en grao medio e 1.200 en grao superior–.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

Reforzo de Actividades Físicas e Enerxía e auga en Culleredo
A conversión en Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) do Universidade Laboral de Culleredo trae consigo oito ciclos e 232 prazas novas. Así, no réxime ordinario incorpórase o grao básico en Mantemento de embarcación deportivas e de recreo, así como o de Acceso e conservación en instalacións deportivas. Este último, xunto coa incorporación á oferta do novo ciclo de grao medio en Guía no medio natural e de tempo libre, contribúe a reforzar a especialización deste centro na familia profesional de Actividades Físicas e Deportivas, da que imparte case a totalidade dos ciclos implantados en Galicia. Así mesmo, súmase á oferta deste centro en réxime ordinario o ciclo superior en Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos.

No réxime modular para adultos, na modalidade presencial, o novo CIFP incorpora os graos superiores en Ensinanzas e animación sociodeportiva e en Enerxías renovables. Na modalidade a distancia, súmanse os graos superiores en Eficiencia enerxética e enerxía solar térmica e en Desenvolvemento de proxectos de instalacións térmicas e de fluídos. As incorporacións no réxime de adultos contribúen tamén a reforzar a especialización do centro na familia profesional de Enerxía e auga.

O Leixa, referente en Sanidade
O novo CIFP Leixa contará con sete ciclos e 262 novas prazas, que redundan no reforzo da especialización do centro na familia profesional de Sanidade. Así, no réxime modular para adultos presencial o centro incorpora o ciclo de grao superior en Hixiene bucodental, mentres que na modalidade a distancia suma o ciclo de grao medio en Farmacia e parafarmacia.

Tamén no réxime de adultos a distancia ofertarase como novidade no CIFP os ciclos superiores en Deseño e xestión da produción gráfica e en Integración social

No caso do réxime ordinario, os novos títulos serán os de grao superior en Educación Infantil, en Animación sociocultural e turística e en Promoción de igualdade de xénero. Este último ofertábase ata o momento só nun centro de Pontevedra.

Especialización en Hostalaría e turismo en Pontedeume
No caso do CIFP Fraga do Eume, apóstase pola especialización do centro na familia profesional de Hostalaría e turismo. Neste sentido, a oferta do centro suma no réxime ordinario os ciclos de grao superior en Xestión de aloxamentos turísticos e en Axencias de viaxes e xestión de eventos. Deste xeito, o centro ofertará todas as titulacións de grao medio e superior desta familia profesional, agás o ciclo superior de Guía, información e asistencia turísticas, que se imparten noutro CIFP da comarca (o Rodolfo Ucha Piñeiro).
Estas modificacións supoñen o incremento de 60 prazas na oferta do novo CIFP.

Modificacións
Ademais destas titulacións de nova implantación e do incremento da oferta nos novos CIFPs, como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.