Friday 22 de November de 2024

Finalizan as xornadas de limpeza do Pico Sacro coa retirada de preto de 3.100 quilos de materiais das covas


Persoas voluntarias da Federación Galega de Espeleoloxía extraeron máis de 200 sacas de restos do interior da sima

As Xornadas de Limpeza da sima do Pico Sacro finalizaron onte coa retirada de preto de 3.100 quilos de materiais en máis de 200 sacas. “Para o Concello de Boqueixón é unha satisfacción ter completado esta iniciativa. Agradecemos o interese e o altruísmo das arredor de 30 persoas voluntarias, que sumaron os seus esforzos para unha nova posta en valor deste icónico enclave, sempre coa premisa de respectar o medio natural e contribuír á súa preservación”, afirmou o alcalde, Manuel Fernández Munín.

Dende a Federación Galega de Espeleoloxía, o seu presidente, Francisco Martínez, realizou “un balance positivo de toda esta acción. Grazas aos traballos desenvolvidos durante a fin de semana fomos quen de ampliar o fondo do Burato dos Mouros –o punto de confluencia de ambas as dúas covas- ata os 80 centímetros, cando comezamos con tan só 20. Deste xeito, pódese pasar perfectamente dunha cova á outra”, concreta.

O obxectivo da Federación para o futuro máis próximo é promover a posta en marcha de visitas espeleolóxicas guiadas ao interior das covas do Pico Sacro. Unha iniciativa que se apoiará dende o Concello que valora moi positivamente o desenvolvemento de actividades que acheguen distinto tipo de visitantes a este lugar. “Ao mesmo tempo, procuraremos que este novo programa turístico sirva para promover unha maior concienciación sobre a importancia de conservar o medio natural e achegarse a el dun xeito respectuoso”, concreta o rexedor boqueixonés.

Ao labor da vintena de federados/as desta entidade cómpre sumar tamén os traballos de observación arqueolóxica realizado por arredor de 10 integrantes e persoas voluntarias do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), con Ana Mª Ruiz Blanch, investigadora do Incipit que está a traballar nunha tese doutoral sobre a Raíña Lupa, como coordinadora. Aínda que, en xeral, os materiais non deberan ter interese patrimonial como tal, si se atoparon distintos obxectos curiosos, que reforzan esa misticismo arredor do Pico Sacro: dende candeas ata unha especie de vara máxica.

Charla informativa sobre a xeoloxía do Pico Sacro

Por outra banda, dende a Federación Galega de Espeleoloxía tamén organizaron unha charla informativa sobre a Xeoloxía do Pico Sacro no Centro de Interpretación. A sesión, á que acudiron máis de 30 persoas, correu a cargo de Marcos Vaqueiro Rodríguez, Doutor Espeleólogo desta entidade. Na súa disertación, o experto detallou como se formou o Pico Sacro e como evolucionou co paso dos anos, ao tempo que ofreceu información de interese sobre a importancia das covas e a súa xeodiversidade.

Neste senso, Marcos Vaqueiro finalizou a súa charla lembrando a importancia de respectar o medio natural. Máis concretamente, sobre “o reino subterráneo” asegurou que é un entorno “fráxil, vulnerable e de evolución lenta. Por iso, “calquera degradación, intervención ou actuación inaxeitada pode provocar efectos irreversibles. Protexer unha cova supón apreciar os seus valores e ser responsable implica ser consciente de que unha cova relata unha crónica cultural e natural que debemos protexer e preservar para as futuras xeracións”.