No procedemento, que se fará mañá, 8 de xuño, escolleranse 15 solicitantes e os que non resulten adxudicatarios quedarán en lista de agarda para futuras vacantes
A Xunta de Galicia realizará mañá, día 8 de xuño, o sorteo ante notaría dunha vivenda de promoción pública no concello de Oleiros. Trátase dunha vivenda que xa fora entregada con anterioridade e que agora se volve adxudicar unha vez que volveu a mans da Xunta.
A vivenda, emprazada na rúa Anido número 36, dispón de dous dormitorios, cunha superficie útil total de 62,68 metros cadrados. Ademais, conta cunha praza de garaxe e rocho.
No sorteo para a súa adxudicación entrarán todos os demandantes de vivenda de promoción pública inscritos en Oleiros no Rexistro de Demandantes de Vivenda. De entre eles, seleccionarase a un total de 15 solicitantes, quedando en lista de agarda para futuras vacantes aquelas persoas seleccionadas ás que non se adxudique a vivenda neste sorteo.