Friday 22 de November de 2024

Preto de 160 atletas de 29 países protagonizan a 34 edición do Gran Premio Internacional Cantóns de Marcha


A proba feminina comezará ás 17.00 horas desde O Obelisco e dará paso ás 19.00 á categoría masculina, nunha entrega que será determinante para cubrir as últimas prazas para os Xogos Olímpicos de Tokio

A Coruña desfrutará hoxe da celebración do XXXIV Gran Premio Internacional Cantóns de Marcha-Trofeo Sergio Vázquez, que se desputará esta tarde nas modalidades feminina e masculina e que congregará as/os mellores atletas desta especialidade do momento. Distinguida como Patrimonio Mundial do Atletismo, a proba internacional pon de manifesto a tradición atlética e deportiva da cidade e ten o plus de que este ano será determinante para as últimas prazas dos Xogos Olímpicos de Tokio.

A concelleira de Deportes recorda que levan meses traballando coa Federación Galega de Atletismo e destaca a homenaxe que se lle renderá a Jordi Llopart, falecido recentemente. “O marchador, que tanto fixo por esta proba nos seus primeiros anos de vida, e que é protagonista do cartel desta 34 edición”, en que preto 160 atletas de 29 países protagonizarán esta marcha coa presenza de dous atletas galegos, Antía e Daniel Chamosa. Arredor dun circuíto urbano de 1 km nos Cantóns, que terá no Obelisco a súa saída e meta, as mulleres comezarán ás 17.00 horas cun percorrido de 20 km para daren paso ás 19.00 horas á categoría masculina. Durante a competición, aplicarase o protocolo Covid-19 do Consello Superior de Deportes, e a organización velará pola seguridade das e dos espectadores. Ademais, a proba poderase seguir por streaming a través de https://youtu.be/CyDGYYFPboA.

O GP Internacional de Marcha Cantóns da Coruña forma parte da Challenge WA de Marcha 2021 nos que tamén se atopa o Grande Premio Internacional de Rio Maior (Portugal), os Xogos Olímpicos de Tokio (Xapón) a Race Walking Permit Meeting Challenge da Cidade de México e a Invitational Race Walking Meeting de Acoalcos (México).