A alcaldesa abriu este mediodía a rosaleda de Méndez Núñez, que se repoboou con máis de 20 especies diferentes sobre un céspede que se recuperou e nuns xardíns onde se instalau novo mobiliario urbano para mellorar a calidade de vida das coruñesas e coruñeses
A alcaldesa, Inés Rey, abriu este mediodía xunto á concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, e o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, a rosaleda de Méndez Núñez recén restaurada no Día do Medio Ambiente, en que “volvemos desfrutar dun dos espazos máis emblemáticos da cidade”. A rexedora recordou que a actuación comezou hai un máis dun ano, cando o Goberno local tomou a decisión de erradicar o botellón de cara a recuperar un parque que levaba anos deteriorado en nun estado lamentable, sen mantemento e coidados. A rosaleda repobouse con máis de 20 especies de rosas diferentes sobre un céspede que se recuperou e dentros duns xardíns en que
se incorporaron xardineiras e distinto mobiliario urbano para favorecer a convivencia e o paseo das coruñesas e coruñeses.
Ademais, Rey destacou a pequena homenaxe que o Concello lle realizou ás 13 rosas, como lle deron en chamar ás 13 mulleres asasinadas durante a represión franquista, coa plantación de trece flores en círculo, exemplificando así “ese labor de recuperación da memoria histórica que levamos a cabo desde o Goberno local”.
No paseo, a alcaldesa estivo acompañada por veciñas e veciños que “están desfrutando novamente dun xardín que hoxe recupera o seu esplendor, algo necesario no centro da cidade e no resto dos barrios con actuacións que temos en marcha. A partir de hoxe temos que coidar a rosaleda que hoxe abrimos entre todos para mantela así de bonita”.
Pola súa parte, a concelleira explicou que hai dúas fases máis de traballos na recuperación de Méndez Núñez, “unha segunda que xa iniciamos no estanque onde estamos arranxando o céspede e limpando matorrais, e a terceira corresponderá á contorna do Quiosco Alfonso, en que se atopa o palmeiral máis coidado e protexido de Galicia”. A edila recordou que empezaron “non desde cero, senón desde menos dez nos xardíns xa que houbo que levantar toda a terra para saneala e osixenala co fin de que dera o seu froito”, apuntou.