A noite de domingo disporase a sinalización na zona de actuación, para comezar o luns os labores de acondicionamento da glorieta proxectada no quilómetro 2+880
A vía de acceso á rúa do Encoro desde a AC-552 estará cortada durante a execución dos traballos e, segundo avancen, haberá cortes puntuais de 2 minutos para levar a cabo pequenas voaduras para o desmonte do terreo na zona de roca
As obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-552 en Arteixo farán necesarias adaptacións na circulación desde o vindeiro luns, 7 de xuño.
Trátase de seguir avanzando nos traballos de mellora da seguridade deste tramo da vía autonómica, co acondicionamento do espazo no que se disporá unha das glorietas previstas nesta actuación da Xunta: en concreto, a que se sitúa no punto quilométrico 2+880, no extremo do ámbito de actuación máis próximo a Arteixo.
As tarefas comezarán na noite do domingo 6 de xuño co pintado e a sinalización horizontal, dispoñendo a correspondente sinalización vertical e balizamento, para poder traballar no carril máis próximo a esta zona e iniciar os traballos de desmonte do terreo. Ademais, a vía de acceso á rúa do Encoro desde a AC-552 estará cortada durante a execución destes traballos, estando debidamente sinalizada.
Segundo o programa de obra previsto, o luns comezarase cos primeiros traballos de desmonte do terreo, ata chegar á zona de roca. A partir de aí, deberase continuar con voaduras, cuxo inicio se prevé a finais da vindeira semana.
Para levar a cabo as voaduras do terreo nesa zona será necesario o corte puntual do tráfico no momento da voadura, para garantir a seguridade nos traballos. Os cortes, que serán debidamente sinalizados, terán unha duración aproximada de dous minutos.
Mellora da seguridade viaria
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou a mediados de abril estas obras de mellora da seguridade viaria, enmarcadas na estratexia da Xunta para a eliminación de treitos de concentración de accidentes na rede viaria.
Os traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 2 millóns de euros, están a avanzar a bo ritmo e teñen un prazo de execución de 12 meses.
A intervención nesta estrada autonómica comprende o tramo da vía desde o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.
A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.
O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.
Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.
Os traballos inclúen a sinalización, drenaxe, iluminación e a reposición dos servizos afectados.