En toda Galicia, as axudas da Xunta ascenderon a 182 millóns de euros de fondos propios que o Goberno galego puxo a dispor de autónomos, microempresas e actividades afectadas polos peches sanitarios durante a pandemia
O Consello da Xunta xa aprobou o 3º rescate cos 234 millóns procedentes do Estado que espera activar nos próximos días con axudas que van dos 3.000 aos 30.000 euros
A Administración galega decidiu destinar o 85% dos cartos do 3º plan a autónomos e pequenas empresas por supor o 97% do tecido produtivo galego
Os establecementos de hostalaría da comarca da Coruña, recibiron 4.987 axudas directas no 1º e no 2º plans de rescate, ás que a Xunta destinou 11,6 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a un dos sectores máis afectados pola pandemia e polas medidas sanitarias. Por grandes cidades, a da Coruña recibiu 3.176 axudas por valor de 7,4 millóns de euros.
En toda Galicia outorgáronse máis de 37.000 axudas directas en ambos os dous plans de rescate, co que chegaron case a nove de cada dez bares, restaurantes, cafeterías e outros establecementos de alimentación e bebidas radicados na Comunidade. Todos estes apoios supuxeron ata o de agora un desembolso de 86,6 millóns de euros das arcas autonómicas.
Cos dous primeiros plans de rescate a Xunta mobilizou un total de 182 millóns de euros co obxecto de aportar liquidez a estes negocios e contribuír á permanencia do emprego e da viabilidade. Máis da metade dese diñeiro foi parar ao sector hostaleiro.
3º Plan aprobado
O Consello do Goberno galego, pola súa banda, vén de aprobar o 3º plan que, no seu caso, nutrirase de fondos do Estado dos que 234,4 millóns de euros corresponderán á Comunidade, apenas o 3,3% dos 7.000 millóns que se repartiron en toda España.
Dentro da escasa marxe de manobra que o Goberno central deixa ás comunidades, Galicia priorizará que as axudas cheguen ás persoas traballadoras autónomas e microempresas que supoñen o 97% do tecido produtivo galego. Para elas resérvanse 200 dos 234 millóns de orzamento, o 85% do plan.
En consenso do Diálogo Social e coa Mesa do Emprego Autónomo, a Xunta vén de deseñar un 3º plan que prevé axudas de entre 3.000 e 30.000 euros para persoas traballadoras autónomas, microempresas, pemes e empresas, establecidas en función da baixada de facturación padecida a causa da covid e o número de persoas empregadas ao cargo.
Outra das aportacións de Galicia ao plan consistiu estender as axudas a todas as actividades económicas, e non só ás 95 apuntadas polo Real Decreto do Estado, sempre e cando poidan acreditar unha caída de ingresos dun 40% ou máis.
Co obxectivo de garantir a maior axilidade posible, o Goberno galego aplicará o mesmo criterio que no primeiro e segundo plans de rescate e concederá o anticipo do 100% dos importes coa mera presentación dunha declaración responsable.
Coa convocatoria do 3º plan, a Xunta terá destinado cerca de 560 millóns en axudas directas en seis meses aos sectores máis prexudicados pola pandemia: 416 millóns dos tres plans de rescate e a contía restante correspondente a diferentes departamentos da Xunta que veñen de apoiar a axencias de viaxes, ocio nocturno, orquestras ou ao sector das artes escénicas e musicais, entre outros sectores.