• Os de conciliación están dirixidos a nenos e nenas nacidos entre 2009 e 2017 e os deportivos aos nados entre 2007 e 2013.
• Para adaptarse ao contexto sanitario actual formaranse grupos reducidos.
O Concello de Miño abriu o prazo de inscrición para os seus campamentos de conciliación e deportivos deste verán, nos que se adoptarán as medidas oportunas para garantir as correctas condicións sanitarias.
Os de conciliación están dirixidos a nenos e nenas nacidos entre os anos 2009 e 2017, ambos inclusive, e dividiranse en catro quendas: primeira e segunda quincena de xullo e primeira e segunda quincena de agosto. Poderanse solicitar os catro quendas pero darase preferencia a que todos os solicitantes teñan concedido un.
Levarán a cabo en dous espazos diferentes: o local social de Bemantes e a antiga escola unitaria de Xarío. Ofértanse 60 prazas para cada quenda, trinta para cada sede que á súa vez se dividirán en dous grupos de 15 participantes. O horario de entrada poderá ser de 7:30 a 8 horas, de 8:30 a 9 horas ou ás 10 horas e o de saída ás 14 horas ou ás 15:30 horas. Non hai servizo de comedor polo que se deberá traer a comida de casa e existe a posibilidade de quentala nun microondas.
No caso dos campamentos deportivos están dirixidos a nenos e nenas nacidos entre os anos 2007 e 2013, ambos inclusive, e dividiranse en catro quendas: do 5 ao 16 de xullo, do 19 ao 30 de xullo, do 2 ao 13 de agosto e do 16 ao 27 de agosto.
A zona de entrega e recollida dos participantes será o centro socio cultural de Loios e priorizaranse as actividades ao aire libre nos diferentes espazos naturais e deportivos do municipio. Ofértanse 50 prazas para cada quenda, formándose grupos dun máximo de 10 participantes, e asignaranse por orde de inscrición dando prioridade ás persoas empadroadas en Miño. O horario de entrada poderá ser ás 8:30 horas ou ás 10 horas e o de saída ás 14 horas.
O prazo de preinscrición en ambos os casos finaliza o mércores 16 de xuño. As solicitudes poderán presentarse de forma telemática a través da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro. Publicaranse as listas definitivas na web municipal.
Ambos os campamentos non faltan á súa cita, do mesmo xeito que o ano pasado, e cumprindo co Plan de Igualdade recentemente aprobado, a opción de conciliación outorga prioridade ás fillas e fillos de persoas que traballen en Miño.