Neste 4 de xuño efectuouse o repartimento de 5 lotes de premios entre o estudantado do instituto pobrense que se sumou á proposta que se lanzou no Instagram polas Letras Galegas, consistente en colgar nesta rede social unha imaxe relacionada con algún poema de Xela Arias, homenaxeada neste 2021, acompañada do cancelo (hashtag) #APobraconXela e etiquetando o perfil do Concello (gobernodapobra). Cada unha das recompensas componse duns auriculares sen fíos, unha batería recargable para dispositivos electrónicos e un caderno conmemorativo.
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, achegáronse ata o propio IES para face-la entrega.
Concluíu así a distribución de agasallos entre a rapazada participante nas actividades dirixidas ós centros educativos do municipio polas Letras Galegas e impulsadas dende a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal.