Friday 22 de November de 2024

As nenas e nenos do CEIP celebran o Día Mundial do Medio Ambiente cunha plantación de faias


As faias centenarias eran unhas das árbores máis salientables que hai anos se podían ver nas proximidades da actual Casa do Concello. Hoxe o Concello convidou ao CEIP San Ramón a conmemorar o Día do Medio Ambiente coa plantación de cinco novos exemplares, que se suman aos plantados hai escasos anos..

O alumnado de 3º e 4º de Primaria traballou esta mañá coa axuda dun empregado municipal poñendo na terra cinco árbores, unha por parroquia co obxectivo de “velas medrar cando veñamos por aqui”, tal e como comentou a rapazada.

Logo de faceren o labor recibiron da bibliotecaria municipal un breve documento sobre o Día do Medio Ambiente, que precisamente este ano reivindica as accións de recuperación dos ecosistemas danados pola acción humana. Ademais, con motivo desta data -que se celebra mañá sábado- a ONU tamén recomenda incrementar os espazos verdes e a plantación de arborado nas tramas urbanas.

Despois dunha intensa mañá de traballo, a cativería tivo tempo para descansar merendando á sombras das outras árbores da zona. Moeche súmase así á iniciativa da Oficina do Parlamento Europeo no Estado español #IUnhaÁrboreporEuropa