Sementeira, o campamento de verán de Moeche, xa está aquí para todas as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Este ano a mellora da situación sanitaria levou ao Concello a retomar a súa duración habitual de dous meses. Ofrecerá un conxunto de actividades que terán como base o pavillón polideportivo de San Ramón e saídas a diferentes puntos do concello e da comarca con actividades formativas e lúdicas: actividades na feira, na aula informática da Casa do concello, na área recreativa de Souto Grande, no castelo, na piscina, no centro cultural, pistas deportivas, patio da escola, etc. e así ata compoñer unha oferta educativa e de entretemento con variadas propostas. Desenvolverase en dúas quendas, unha no mes de xullo e outra no mes de agosto, de maneira que as familias poderán reservar praza para calquera dos dous meses ou incluso para o total do programa, que arranca o 1 de xullo e finaliza o 31 de agosto. O período de preinscrición está aberto entre o 8 e o 22 de xuño e ofértanse un máximo de 30 prazas.
As persoas que queiran inscribir as súas pequenas ou pequenos deberán entregar no Concello a documentación requirida, que pode descargarse na web municipal. A documentación componse da folla de inscrición -que deberá ir acompañada do DNI da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-, a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado, como poden ser alerxias ou a indicación dalgún tratamento, e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal e á práctica de actividades acuáticas ou excursións. As bases completas do programa, que recollen todos os prazos, os horarios, a estrutura do campamento e os criterios de prioridade á hora de asignar as prazas, podense descargar tamén en moeche.gal.
En cada quenda ofértanse un máximo de 30 vacantes –2 delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais ou urxentes-, que se cubrirán, en primeiro lugar, mirando a data de rexistro da solicitude. Se existisen máis peticións que prazas, o Concello asignará cada unha delas dándolle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio.
Cómpre ter en conta que haberá dous horarios de luns a venres, un de 8,30 a 14.00h. e outro de 10.00 a 14.00h. e que terán preferencia na obtención de praza quen elixan o horario máis madrugador. Para esa banda horaria -de 8,30 a 10.00h.- só hai 8 prazas dispoñibles. A rapazada apuntada nela terá xogos e obradoiros de lectura ata as 10, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas.
Os prezos están fixados en 70€ para o horario madrugador e en 60€ para quen entre hora e media máis tarde. Ademais as tarifas redúcense progresivamente a partir do segundo irmán ou irmá que acuda ao campamento. inclúen o seguro de accidentes e os custes de excursións e viaxes.
Pagamento
Só poderán efectuar o pagamento da praza as familias de nenos ou nenas matriculadas no CEIP San Ramón e as familias que figuren empadroadas no Concello, dado que son as que teñen preferencia. Rematado o prazo de matrícula, o resto das familias que presentasen solicitude pero que non estean empadroadas no Concello de Moeche deberán efectuar o pagamento, aínda que terán que agardar a que antes lles confirmen a praza desde o departamento de Benestar Social e Igualdade.