No Perfil de Contratante do Concello de San Sadurniño figuran neste momento cinco procedementos de licitación pública para adxudicar as obras de reparación dun total de 8 pistas municipais, que suman en conxunto preto de 5,5 quilómetros de percorrido. Na súa maioría son intervencións financiadas con cargo ao POS+ deste ano, aínda que tamén hai unha delas, a que enlaza a Golpilleira con Moimentos, en Santa Mariña, que se executará con fondos propios e cunha achega da AGADER dentro do Plan de Mellora de Camiños Municipais. O investimento conxunto de todas as obras sitúase en 261.730€, unha contía que seguramente sexa inferior tan pronto como finalicen os procesos de adxudicación.
Practicamente todos os proxectos levaranse a cabo con pavimento aglomerado, posto que segundo se detalla nos informes técnicos esta é a solución que ofrece maiores garantías de durabilidade e unha mellor adherencia, incluso coN chan mollado.
Así, un dos proxectos que se encontra na fase de avaliación de propostas ocuparase de renovarlle o firme aos 1,4 quilómetros da estrada que vai desde o cruzamento coa provincial na Golpilleira até o lugar de Moimentos, en Santa Mariña do Monte. A cuantificación do contrato ascende a 62.796,06 euros que o Concello financiará cunha subvención de 51.890 euros do plan de camiños da AGADER e asumindo con recursos económicos propios a contía restante. Neste sentido cómpre ter en conta que, ao igual que o resto de actuacións, unha cousa é o prezo que figura nos proxectos e outra é o prezo final que se pagará polas obras, debido a que durante os procesos de licitación pública o habitual é que as empresas se ofrezan a facer o traballo por menos cartos, sempre e cando este sexa un factor puntuable nos pregos.
Outra das intervencións son catro en realidade, posto que nun mesmo programa van agrupadas as reparacións dese mesmo número de pistas: 850 metros en Portolamas (Camiño Arriba), 260 m. na Curuxa (San Sadurniño), 250 m. na Curuxa (Igrexafeita) e 215 metros dun camiño do Chao de San Cristovo (Ferreira). En todos estes casos -pistas de acceso a vivendas que soportan menos tráfico que as principais- optouse polo asfalto, acompañado da limpeza das cunetas. O prezo de licitación é de 33.828,32€ e o proxecto incorporouse a finais do ano pasado ás previsións do POS+ 2021.
Remate do enlace coa Capela e reparación dunha das pistas que levan ao castelo de Naraío
O plan de mellora da rede viaria municipal tamén incorpora dous proxectos de aglomerado en Naraío. No primeiro caso trátase de reparar o trazado Lourido-Quintiá, de 1,6 quilómetros de distancia, e unha larganza media de 4 metros. Para el reserváronse 59.122,83 euros e, na práctica, suporá a finalización do eixo entre o Eirexado e o límite coa Capela, onde nos últimos dous anos se levaron a cabo as reparacións Eirexado-Lourido e Quintiá-Cruzamento da Grúa, deixando para este ano a pista correspondente ao tramo intermedio de todo ese trazado.
Tamén está en avaliación de ofertas a pista que baixa desde o cruzamento da Longra até Riolimpo. Son 615 metros que se amañaron con asfalto convencional hai sete anos. Durante este tempo conservouse máis ou menos ben, pero no punto con máis pendente -preto da curva das Barreiras- os desperfectos son hoxe moi acusados, debido principalmente ao tránsito de tractores e outra maquinaria pesada, aínda que unha pequena parte do desgaste tamén se lle achaca ao aumento de vehículos que pasan por alí para visitar o castelo. A obra, con firme aglomerado, ten un orzamento de 46.152,30 euros e, ademais de cambiar o firme, tamén se lle dará un ancho medio de 4 metros.
Dentro do Plan Complementario da Deputación -que se executaría na medida en que o ente provincial libere máis fondos para obras- tamén se incluíu a reparación da pista que sobe á fortaleza medieval desde Riolimpo, ademais dos dous tramos que van desde o castelo até a antiga estrada das Pontes, co que o castelo -un dos elementos máis visitados do concello- e tamén as vivendas da zona desde a Longra até Vilarxá quedarían cunha estrada en condicións para moitos anos.
Mellora da seguridade peonil en Bardaos
O último dos proxectos que se agardan acometer durante este verán é o referido á mellora da seguridade viaria en Bardaos, concretamente na pista que une A Sanguiñeira coa Torre (ao pé da igrexa parroquial). Neste caso trátase dunha estrada de 455 metros orzamentada en case 60.000 euros.
A diferenza de prezo con respecto ás demais malia ser unha distancia menor obedece a que nesta zona non só se aglomerará a calzada, senón que se lle darán dous metros máis de largura -pasará de 3,5 a 5,5 metros de beira a beira-, de maneira que por un dos laterais tamén se construirá unha senda peonil, algo que implicará instalar rexistros e soterrar tubaxes que suplan a función da cuneta.
Obxectivo: telo todo rematado antes do outono
Os cinco proxectos licitados polo Concello finalizaron hai escasos días os prazos de presentación de ofertas. Agora ábrese a segunda parte, a da súa valoración previa á adxudicación provisional. A tramitación administrativa leva o seu tempo, posto que a cada paso deben garantirse prazos para posibles emendas de documentación, alegacións ou incluso a aclaración das ofertas con prezos anormalmente baixos -coñecidas tecnicamente como “baixas temerarias”-, que as empresas deben xustificar garantindo en todo momento que o traballo se vai facer nas condicións e calidades especificadas no proxecto.
En calquera caso agárdase que o procedemento de contratación quede listo o antes posible, co obxectivo de que as empresas adxudicatarias completen os contratos durante o verán ou, como moi tarde, antes do comezo do outono.