• O presidente da entidade, Valentín González Formoso, e o alcalde, Walter Pardo, reuníronse esta mañá no pazo provincial para abordar esta cuestión.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, reuníronse esta mañá no pazo provincial para abordar a cuestión do proxecto de construción da senda peonil na estrada que dá acceso aos areais de Barizo, Esteiro e Seiruga, a DP-4306, que xa se atopa en fase de redacción.
Este espazo carece, actualmente, desta infraestrutura, que se antolla indispensable xa que empregan a estrada a diario moitos peóns e automóbiles, sobre todo de cara a tempada estival, xa que permite o acceso a tres dos areais máis concorridos do municipio.
É por iso que a Deputación da Coruña xa está redactando este proxecto, para facer realidade as sendas peonís que axudarían a incrementar a seguridade de veciños e turistas, á vez que se mellorarían as comunicacións a pé inter municipais.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, aposta pola fórmula que permita “garantir a seguridade da veciñanza, e con este proxecto veremos colmados estes obxectivos”, á vez que sinala que “para nós é prioritario impulsar infraestruturas que garantan a calidade de vida da cidadanía”.
Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Walter Pardo, quixo agradecer o compromiso “tanto da Deputación da Coruña como do seu presidente, Valentín González Formoso, para redactar un proxecto tan importante para moitas e moitos veciños de Malpica, e que suporá un antes e un despois na vida de moitas e moitos malpicáns”, garante.