Friday 22 de November de 2024

O Concello de Miño constitúe a Xunta Local de Seguridade para mellorar a coordinación entre as distintas forzas de seguridade no municipio


• O obxectivo do goberno local é mellorar a seguridade #ante o incremento dos roubos e danos en bens públicos producidos nas últimas semanas.

• Neste órgano estarán representados o Concello, a Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil.

• Ao acto de creación, ademais do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acudiu a subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo.

O Concello de Miño quere mellorar a seguridade no municipio e por iso impulsou a creación da Xunta Local de Seguridade, cuxo acto de constitución tivo lugar hoxe no salón de plenos do consistorio e que ten o obxectivo principal de mellorar a coordinación entre os distintos corpos de seguridade.

O goberno local decidiuse a dar este paso debido á preocupación que xeran os roubos e danos en bens públicos producidos nas últimas semanas e tamén ás limitacións de persoal coas que conta o Concello para facer fronte a este tipo de situacións.

No acto de constitución participaron o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; a concelleira de Réxime Interior, Emma González; a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; un representante da Policía Nacional adscrito á comunidade autónoma; o coronel e o sarxento da Garda Civil na Coruña, e os xefes da Policía Local e Protección Civil de Miño.

As reunións da Xunta Local de Seguridade estarán presididas polo alcalde e os vogais terán representación da administración local, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil. Ademais, designáronse os respectivos suplentes en caso de ausencia do titular. Doutra banda, a secretaría estará desempeñada o primeiro ano por un funcionario do Concello de Miño, que neste caso será a secretaria municipal.

Manuel Vázquez Faraldo quixo destacar “a importancia que ten a creación deste tipo de órganos porque, como ocorre noutros eidos, a actuación coordinada e conxunta vainos permitir chegar a onde por nós mesmos seríanos imposible” e agradeceu “a boa predisposición de todos vos corpos de seguridade para lograr, entre todos, que Miño sexa un lugar aínda máis seguro para vivir”.
Recoñecemento á subdelegada

O Concello de Miño quixo aproveitar a presenza da subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, para entregarlle un ramo de flores como detalle pola súa inminente xubilación. Manuel Vázquez Faraldo agradeceu á subdelegada “a súa boa labor e á atención constante que nos prestou durante todo este tempo para tentar acometer diferentes proxectos para Miño” e desexoulle “que goce dunha merecida xubilación”.