Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca que o Plan de Familias Numerosas ofrece múltibples vantaxes para que poidan desenvolver o seu proxecto de vida


Entre as novidades está a creación do título de familia numerosa dixital, que permitirá un acceso máis cómodo e individualizado

Tamén está previsto que este verán comecen a aplicarse os descontos a familias numerosas nas autoestradas autonómicas

No ámbito da educación inclúese a redución ou exención das matrículas universitarias e as axudas no servizo de comedor escolar

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse hoxe coa Asociación Galega de Familias Numerosas (Agafan) para trasladarlles o novo Plan aprobado onte no Consello da Xunta e que ofrecerá un total de 48 medidas en cinco ámbitos distintos destinadas a axudarlles a desenvolver o seu proxecto de vida. Un documento que se estenderá ata o ano 2023 e que contará cun financiamento de 62 millóns de euros, o dobre que o anterior.

O novo Plan de Familias numerosas contempla beneficios no eido da educación, da cultura e o lecer; da vivenda, o transporte e subministración; de apoio ás familias para a conciliación e o impulso demográfico; beneficios fiscais; e outras medidas. Entre as novidades atópase a dixitalización do título de familias numerosas, que permitirá ter un acceso a este documento máis cómodo e individualizado; e os descontos nas autoestradas dependentes da Xunta, unha medida que se fará realidade este verán. Ademais, o Goberno galego segue a insistir na reivindicación de que o Goberno central introduza descontos de ata o 60% para estas familias na AP-9.

O director xeral sinalou que o apoio do Goberno galego ás familias numerosas esténdese durante os últimos anos a todos os eidos. No campo da educación, ofrece reducións ou exencións do pago das matrículas universitarias; no da cultura, descontos na compra de entradas en espectáculos; incorporáronse ás familias numerosas nos beneficios do Plan Estatal de Vivenda; aplícanse bonificacións do 50% no canon da auga; e hai axudas para facer fronte á factura eléctrica de ata 450 euros ao ano.

Trátase dalgunha das medidas recollidas neste plan que permiten que as familias numerosas de Galicia poidan facer fronte aos seus gastos dun xeito máis sinxelo. Ademais, tamén se inclúen beneficios fiscais, como a dedución de ata o 100% do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e nos Actos Xurídicos Documentais (AJD) e, por suposto, no ámbito da conciliación, onde a Xunta presenta un amplo catálogo de medidas entre as que se atopan a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillos e sucesivos.