Son 7 postos de peonaxe de obras e 1 de auxiliar de biblioteca, en ambos casos mediante contratos laborais a xornada completa durante cinco meses
O procedemento farase partindo dun listado de aspirantes que cumpran os requisitos facilitado polo Servizo Público de Emprego de Galicia
O Concello recomenda comprobar na oficina do SPEG que se ten inscrición como demandante nos códigos correspondentes a cada posto ofertado
Fene volveu acollerse este ano ao plan de emprego da Deputación da Coruña para a contratación temporal de persoas en risco de exclusión laboral. O Concello percibirá un total de 104.000 euros cos que se financiarán durante cinco meses 7 postos de peonaxe de obras e 1 de auxiliar de Bibliotecas, en ambos casos a xornada completa. O proceso de selección farase mediante concurso libre mediante valoración de méritos a partir dunha lista de aspirantes que se lle solicitará ao Servizo Público de Emprego de Galicia. Por este motivo é moi importante que as persoas que cumpran os requisitos especificados nas bases teñan ao día a súa demanda de emprego no SPEG cos códigos correspondentes a cada posto: o 96011029 para peonaxe de obras públicas en xeral ou o 42101011 no caso de querer optar ao posto de auxiliar administrativa/o de Biblioteca.
Os requisitos básicos para participar no proceso son comúns aos de calquera oposición: ter a nacionalidade española ou residencia legal en España, ser maior de 16 anos (ou telos feitos), posuír capacidade funcional para o traballo, non ter sido obxecto de separación ou despedimento dun posto nunha Administración pública por expediente disciplinario, etc.
Pero, a maiores, tamén haberá que encontrarse en polo menos algunha das situacións de exclusión laboral sinaladas nas bases, como por exemplo ser muller, ter máis de 45 anos, estar en paro de longa duración, ter recoñecida unha discapacidade, vivir nun fogar monoparental ou onde ninguén teña emprego, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, ser vítima de violencia de xénero, non ter fogar ou encontrarse en situación de drogodependencia.
A selección mediante a petición dunha oferta de aspirantes ao Servizo Público de Emprego de Galicia é unha opción recollida nas bases PEL-Concellos Reactiva, posto que axiliza o procedemento administrativo de contratación e asegúrase que este programa de integración laboral se dirixa ás persoas que máis o necesitan.
Para acceder a el o primeiro que fai falla é encontrarse en situación de desemprego e figurar como demandante nas bases de datos do SPEG. O servizo fará unha preselección buscando perfís que cumpran os requisitos para cada posto e logo enviaralle o listado ao Concello. Por iso é tan importante que na ficha de demanda figuren os códigos correspondentes -repetimos, o 96011029 para peonaxe de obras públicas en xeral ou o 42101011 de auxiliar de biblioteca-. Desde o Concello recoméndase que as persoas interesadas pidan cita na oficina do paro coa finalidade de comprobar que figuran como demandantes neses apartados ou darse de alta neles, xa que o Concello solicitará o listado dentro duns días.
A relación de aspirantes publicarase na web Fene.gal e máis no taboleiro de anuncios municipal. Logo abrirase un prazo de 8 días hábiles para que presenten a solicitude formal de participación no proceso. Dentro dese tempo tamén terán que achegar a documentación sobre a experiencia laboral e a formación que permita valorarlles os méritos, ademais da acreditación mediante informes ou certificados das circunstancias persoais.
No concurso de méritos poderán obterse un máximo de 8 puntos. No caso da selección de 7 peóns ou peoas de obras outorgaranse ata 4 puntos pola experiencia, 3 pola formación e 1 por ter o carné de conducir tipo B. Para o posto de auxiliar de biblioteca valorarase con ata 4 puntos a experiencia laboral e con ata 4 máis a formación.
Só se valorarán os accións de capacitación e cursos impartidos por administracións públicas, universidades, INEM-SEPE, Forcem ou sindicatos, sempre e cando estean relacionados con cada posto. Na categoría de peón ou peoa tamén se deberá acreditar o coñecemento do Galego co CELGA 1 ou equivalente. Na de biblioteca pedirase o CELGA 3 ou equivalente. Se non se dispón desta certificación haberá que pasar unha pequena proba non puntuable que cualificará como persoa apta ou non apta.
Se despois de todo o proceso de valoración houbese coincidencia nas puntuacións totais de dúas ou máis persoas aspirantes, o desempate faríase mirando o maior tempo en situación de desemprego e, de persistir, a maior idade.