Friday 22 de November de 2024

Comunicado do Concello da Pobra do Caramiñal con relación ás explicacións recibidas pola aplicación do nivel de restrición máxima


 

O Concello da Pobra do Caramiñal recibiu na xornada deste 2 de xuño explicacións por parte do Comité Clínico sobre a decisión tomada de manternos no nivel de restrición máxima, e foi mediante conversa mantida entre o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde, Xosé Lois Piñeiro. Damos traslado da maneira máis precisa posible.

En primeiro lugar o conselleiro indicou que non se está a tratar ao noso concello de maneira diferente a ningún outro. A decisión tomada correspóndese coa maneira de actuar que o Comité Clínico vén aplicando a todos os municipios galegos, coa dificultade que supón facelo coa diversidade de situacións sanitarias que se presentan. Os argumentos foron os seguintes:

O día 25 o noso concello estaba con 471 de incidencia acumulada a 14 días e 311 de incidencia acumulada a 7 días. A primeira non superaba o límite de 500 esixido para o nivel de restrición máxima, pero a segunda si superaba os 250 que conducen ao máis restritivo dos niveis. Ese día reuniuse o Comité Clínico, que decidiu como xa sabemos, que A Pobra pasaba ao nivel de restrición máxima. Sempre o fan cando un dos dous indicadores supera o límite. A medida entrou en vigor ás 0:00 horas do sábado 29.

Aínda que despois do día 25 sempre estivemos por debaixo de 500 e 250 a 14 e 7 días, na reunión do subcomité do venres 28 decidiron manternos nese nivel porque as incidencias eran elevadas aínda (450 e 193) e aínda non estiveramos nin un só día coa aplicación do nivel máximo de restrición. Na reunión do pasado martes 1 de xuño, a pesar de que os datos evidenciaban unha tendencia á melloría (incidencia de 418 a 14 días e de 107 a 7 días), a valoración foi a seguinte: tan só levabamos 4 días no nivel de restrición máxima. Por experiencias anteriores, nas que baixaron a concellos de nivel con lixeiras mellorías e sen que se producira certa estabilidade en cifras máis baixas e volveron a subir ao pouco tempo, a decisión foi manternos no nivel ata que se cumpran cando menos 7 ou 10 días en restrición máxima, en función de cal sexa a evolución.

Hai que ter en conta que agora as medidas tardan un día máis en aplicarse, por dous motivos, a necesidade de que as aprobe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e como resposta ás demandas da hostalería, que se o prazo é escaso poden perder os produtos perecedoiros. Polo tanto o prazo alóngase un día máis.

De maneira resumida: para baixar de nivel de restrición non chega con que as incidencias baixen, o concello ten que estar como mínimo 7 días aplicando as medidas de restrición máxima.

O conselleiro tamén informou que a declaración institucional asinada polos catro partidos políticos que conforman a Corporación Municipal, leuna durante a celebración do Comité Clínico e foi obxecto de debate, tiveron en conta os argumentos alí expostos, aínda que non foron suficientes para mudar a súa decisión.

Tamén indicou que o Comité Clínico tiña decidido deixar de celebrar as reunións do subcomité os venres, debido a que a necesidade de aprobación por parte do TSXG das medidas a aplicar, fai que o procedemento se volva pouco operativo, pero que sen embargo van facer unha excepción co noso concello e si se reunirá este venres. Se a evolución segue sendo favorable baixaremos de nivel, que probablemente comezará a aplicarse a partir do luns 7 de xuño.

Queremos agradecer a deferencia de devolver a chamada da alcaldía, pois hoxe reuniuse o Consello da Xunta e o conselleiro comunicouse co alcalde pasadas as tres da tarde. E por suposto a cordialidade e amabilidade coa que se produciu a conversa. E finalmente agradecer a intervención que tivo na reunión do comité Eloína Núñez, a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, quen, en palabras do propio conselleiro, defendeu a necesidade de que se tratará o noso caso nunha reunión do subcomité este próximo venres.