Afirma que o Goberno galego seguirá a cumprir coa obriga de dar a coñecer o idioma en liberdade
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou hoxe no Pleno da Cámara galega á oposición a participar no proxecto para dinamizar o galego no ámbito social e económico. “Desde a Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto coa Real Academia Galega e outras institucións, presentaremos un proxecto para dinamizar o galego no ámbito social e económico e gustaríame contar con vostedes”, aseverou, ao que engadiu que o Goberno galego seguirá a cumprir a obriga de dar a coñecer o idioma en liberdade.
Nesta liña, e para acadar este obxectivo, Feijóo afirmou que “a Xunta seguirá a traballar nas novas tecnoloxías, e temos un dominio por primeira vez na historia, o dominio .gal; temos dúas canles, unha máis de radio e unha de televisión en galego; aprobamos unha nova toponimia; temos o dobre de universidades no estranxeiro onde se imparte o galego; aprobamos a Lei Paz Andrade e faremos un convenio co Instituto Camões para chegar ao mundo lusófono”.
Durante a súa intervención, Feijóo repasou algúns dos datos da enquisa do IGE, “porque nos interesa –aseverou- coñecer a realidade”. E, neste sentido, subliñou que o galego continúa a ser a lingua maioritaria de Galicia, e o cambio de tendencia en favor deste idioma increméntase: “O grao de coñecemento da lingua entre os galegos é máis elevado ca nunca, e mentres que o índice do coñecemento oral e escrito do galego cando vostedes gobernaban –dixo, en alusión ao bipartito- era do 96,8%, agora é do 97,5%; os que non coñecían o galego con vostedes eran o 3%, e agora é o 2%; e os que teñen capacidade para escribir en galego pasou de ser o 81% ao 83,5%. E, se preguntamos aos galegos se teñen a percepción de que se utiliza máis ou menos o galego que antes, o 35% cre que máis, o 43% cre que igual e o 21% cre que menos; é dicir, tan só dous de cada cen galegos cre que utilizamos menos o galego que antes”.