Friday 22 de November de 2024

Un total de 5260 establecementos de toda Galicia adheríndose ao Bono Activa Comercio posto en marcha pola Xunta para fomentar as compras de proximidade


A maioría dos comercios que se uniron a esta iniciativa pertencen ao sector téxtil e de calzado; aínda que tamén teñen gran presenza as librarías; perruquerías e barberías; e os establecementos de venda de electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico

A provincia da Coruña é a que conta con máis negocios nos que se pode utilizar o bono, con 1982 tendas; seguida de Pontevedra (1751); Lugo (814) e Ourense (713)

Máis de 126.000 clientes xa descargaron o bono desconto de 30 euros, que segue dispoñible en bonosactivacomercio.gal

O Consello da Xunta de Galicia deu conta hoxe do balance da iniciativa Bono Activa Comercio, despois de que o pasado luns 31 de maio se pechase o prazo de rexistro para os negocios interesados. Así, un total de 5260 tendas de toda Galicia uníronse a este programa posto en marcha desde a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de fomentar o comercio de proximidade.

Os establecementos relacionados co sector téxtil e de calzado son os que máis decidiron participar nesta campaña –1151, supoñendo o 30% do total–, así como o comercio polo miúdo de libros e artigos de papelería –393– ; os servizos de perruquería e barbería –332–; e os establecementos de material eléctrico, electrodomésticos e outros aparellos de uso doméstico –323–. Unhas cifras que sinalan a aposta dos galegos e galegas por un comercio de confianza baseado na calidade e o trato personalizado, máis neste novo escenario orixinado pola pandemia.

Por provincias, A Coruña é a que conta con máis comercios adheridos, con 1982; seguida de Pontevedra, que sumou 1751; Lugo, con 814; e Ourense, onde un total de 713 establecementos contan co distintivo do Bono Activa Comercio. ¬¬¬

Con respecto aos usuarios, a día de hoxe son máis de 126.000 os galegos e galegas que xa descargaron o bono desconto por valor de 30 euros, pertencendo 53.300 á provincia da Coruña; 39.200 á de Pontevedra; preto de 17.000 á de Lugo; e máis de 16.500 á de Ourense. Todos aqueles consumidores que aínda non descargaron o seu bono, aínda están a tempo de facelo na web bonosactivacomercio.gal.

A iniciativa, deseñada en colaboración coa Federación Galega de Comercio, enmárcase dentro do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego, que conta con axudas específicas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

En concreto, o Bono Activa Comercio conta cun orzamento de 10M€ cos que se pretenden mobilizar 55 millóns no sector e chegar a 330.000 clientes en toda Galicia, que poden obter aínda o seu bono con 30 euros de desconto para compras en establecementos locais.

Axudas para impulsar a modernización
Co obxectivo de que o comercio de proximidade dea o salto dixital, a Xunta tamén mantén aberta a liña de axudas para a implantación e impulso da dixitalización e a modernización do sector comercial e artesanal galego ata este venres 4 de xuño. A convocatoria, de concorrencia competitiva, conta este ano cun orzamento de 5M€ –o que supón 1,2M€ máis que na edición anterior– e diríxese ao comercio polo miúdo e aos obradoiros artesanais. As axudas cobren ata o 80% e existe a posibilidade de acceder a anticipos de ata o 50% do importe da axuda.

Esta liña contempla axudas que están dirixidas a establecementos e obradoiros que queiran afondar no comercio por internet –con apoios para páxinas web con venda en liña ou melloras e actualizacións–; ou realizar actuacións de comunicación, publicidade e marketing; e incorpora como novidades o apoio á participación en eventos efémeros ou feiras dixitais e actuacións de loxística e-commerce. Por outra parte, apoiaranse tamén nesta liña actuacións de adquisición de equipamentos propias da actividade comercial e artesanal.