O grupo está formado por un total de 12 árbitros expertos no sector turístico das catro provincias galegas que cumpren cos requisitos de formar parte do funcionariado galego e ser licenciados en Dereito
Turismo de Galicia vén de confeccionar a lista de árbitros especializados en materia turística que, tras o seu nomeamento polo Instituto Galego de Consumo, serán designados para presidir as xuntas arbitrais que poidan xurdir nas controversias do sector.
O grupo está formado por un total de 12 árbitros, expertos no sector turístico, das catro provincias galegas que cumpren cos requisitos de formar parte do funcionariado galego e ser licenciados en Dereito. Principalmente o grupo designado o conforman inspectores e xefes de área de servizos centrais de Turismo de Galicia.
Estes árbitros especializados presidirán as xuntas do sistema arbitral de Turismo, cando as partes voluntariamente encomenden ao órgano arbitral que actúe na decisión sobre a controversia ou conflito xurdido entre elas. Esta decisión, que será vinculante para ambas as dúas partes, ten a mesma eficacia que unha sentenza xudicial.
O sistema arbitral de Turismo constitúe, deste xeito, un instrumento que a Administración Pública pon a disposición dos cidadáns e cidadás para resolver de xeito eficaz e rápido os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo.
Este sistema arbitral do sector turístico configúrase así coma un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas mediante o que, sen formalidades especiais e con carácter vinculante e executivo para ambas as dúas partes, resólvense as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico.
Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta mais rápida, axil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.
Sinónimo de calidade
A adhesión de empresarios e profesionais á arbitraxe permítelles exhibir, tanto nas dependencias en que desenvolven as súas actividades cara ao público coma nas súas comunicacións comerciais, un distintivo oficial que informa da súa adhesión ao sistema.
Adherirse ao Sistema Arbitral de Consumo supón ofrecer ao cliente unha garantía de calidade engadida aos servizos que presta unha empresa e facelo ademais sen custe ningún.
Neste senso, cada vez son máis os establecementos que optan pola arbitraxe e cada vez máis os usuarios que buscan o seu distintivo. Na actualidade, o número de adhesións empresariais ao sistema de arbitraxe supera as 1.400, das cales 332 encóntranse na provincia de A Coruña, 311 en Lugo, 309 en Ourense e 451 en Pontevedra.
Actuacións desenvolvidas
Entre as actuacións desenvolvidas no marco do sistema arbitral de Turismo pódense citar, entre outras, a edición de publicacións dirixidas tanto para os usuarios turísticos como para os empresarios e profesionais do sector, a celebración de mais de 100 actuacións formativas con representantes do sector e responsables locais de turismo de numerosas localidades galegas, a creación dun protocolo de actuación ante as reclamacións do sector turístico e a planificación dunha campaña de difusión do sistema arbitral e o desenvolvemento da mesa.