O consistorio iniciará a expedición de abonos a partir do día 7, dándolle preferencia até o día 11 á veciñanza empadroada
As instalacións abrirán cun aforo máximo de 70 persoas, sen poder usar as duchas dos vestiarios e sen que poida haber máis de 30 bañistas ao mesmo tempo dentro do vaso
A Piscina Municipal de Soutogrande iniciará a temporada o domingo 20 de xuño despois de máis dun ano pechada por causa da pandemia. Mantéñense horarios e prezos e con respecto a 2019 o único que cambian son as medidas de prevención que se deberán cumprir nas instalacións, entre elas un aforo máis reducido, a prohibición de empregar as duchas dos vestiarios e a obriga de respectar a normativa en vigor neste momento en canto a distanciamento persoal e grupos de non conviventes. As entradas puntuais de cada día haberá que mercalas no ambigú da área recreativa, mentres que os abonos da temporada poderán solicitarse presencialmente no Concello a partir do 7 de xuño, en horario de 9 a 14.00h. de luns a venres, ou ben a través do correo daniel.feijoo@moeche.gal, por medio da Sede Electrónica ou chamando ao 981 404 006 (ext. 3) en horario de mañá. A veciñanza de Moeche debe ter en conta que entre o 7 e o 11 de xuño a área de Deportes reservará o 75% dos abonos para atender as peticións de persoas empadroadas.
Os prezos públicos da piscina serán de 1,50€ para entradas individuais infantís -ata 12 anos- e de 2,80€ para persoas maiores desa idade, mentres que as familias non terán que pagar polas crianzas menores de 3 anos.
Compensa sacar abono para toda a temporada, que se desconta con pouco máis de dez baños. Os prezos están fixados en 15€ para as entradas infantís, 30,50€ no caso das entradas de maiores de 12 anos e, ademais, hai abonos familiares que cobren o acceso ilimitado de ata catro persoas -con vinculación ata un 3º grao- por un prezo de 58,50 euros, que se incrementará logo de dez en dez euros por cada membro que se incorpore ao bono.
Para asegurar que a veciñanza de Moeche ten acceso preferente a estes descontos, o departamento municipal de Deportes manterá en reserva durante os primeiros días -do 7 ao 11 de xuño- o 75% dos abonos dispoñibles. Para solicitalos haberá que achegar copia do DNI da persoa aboada, unha foto tamaño carné e o xustificante do pagamento da taxa, ademais de cubrir a ficha correspondente que se pode descargar algo máis abaixo.
A temporada da piscina estenderase desde o 20 de xuño até o 19 de setembro, ambos días incluídos. En xuño permanecerá aberta de 16 a 21.00h. de luns a venres e de 14.00h. a 21.00h. os sábados e domingos. Durante os meses centrais do verán, en xullo e agosto, os horarios amplíanse: de 15.00 a 21.00h. pola semana e de 14.00. a 21.00h. os sábados, domingos e festivos, ademais de reservar as mañás de 12 a 13.00h. para cursos de natación. En setembro abrirá de 16.00 a 20.00h. de luns a venres e de 14.00h. a 20.00h. durante as fins de semana.
Normas preventivas
Salvo que muden nas próximas semanas, o Concello aplicará os criterios preventivos da COVID-19 que están en vigor neste momento para o uso deste tipo de instalacións. Así, a piscina de Soutogrande iniciará a temporada cun aforo limitado a 70 persoas en toda a instalación (a capacidade en circunstancias normais son 150) e cun máximo de 30 bañándose ao mesmo tempo e mantendo en todo caso -tamén dentro da auga- a distancia de 1,5 metros se non son conviventes. O tempo máximo de baño poderá establecerse en quendas de 20 minutos en caso de que se chegue ao tope do aforo e haxa persoas agardando para entrar no vaso.
A máscara poderá sacarse no momento de meterse na auga ou mentres se estea tomando o sol, pero será obrigatoria para entrar e saír do recinto e para moverse polas instalacións. Se hai grupos de non conviventes -máximo 10 persoas- haberá que poñela tamén cando se estea tomando o sol. É importante, ademais, colocar as toallas ou as pertenzas separadas doutras persoas ou grupos.
Nos baños e vestiarios non poderá haber máis de dúas persoas ao mesmo tempo e deberase permanecer neses espazos só o imprescindible. As duchas dos vestiarios non se poderán utilizar e só estarán dispoñibles as do exterior para o enxaugado previo ou posterior ao baño.
Todas estas medidas -que estarán ben á vista na piscina- veñen completar outras de seguridade que xa se viñan aplicando, como a prohibición de fumar ou beber no recinto, acceder á zona do vaso con calzado de rúa ou con vestimenta que non sexa de baño, correr, usar colchonetas na auga, xogar ao balón, a entrada de animais (agás cans guía), tirarse de cabeza… etc.
Parte destas normas de uso esténdense tamén ao resto da área recreativa de Soutogrande: non se permitirá o acceso de cans (salvo os de guía), tampouco se poderá xogar ao balón e recórdase que durante o período de máximo risco de incendios -do 1 de xullo ao 30 de setembro- só se poderán facer churrascadas nas lareiras de pedra habilitadas e sempre cerciorándose antes de que o Índice de Risco Diario de Incendio (IRDI) non estea en Moeche no nivel extremo.
Máis de 14.000 euros en mantemento e socorrismo
Para asegurar o correcto funcionamento das instalacións, o Concello acaba de aprobar a contratación do servizo de mantemento e socorrismo, do que se encargará a empresa Xemade despois de achegar a proposta máis vantaxosa entre as tres solicitadas polo consistorio.
Dunha banda destinaranse 3.872 euros, ive incluído, aos labores de baleirado, limpeza e desinfección do vaso antes de volver enchelo e asegurar a calidade sanitaria da auga durante todo o período de apertura das instalacións. A adxudicataria tamén se ocupará das limpezas diarias da lámina e de repasar o fondo do vaso cada dous días, ademais de controlar os equipamentos de depuración e os parámetros da auga.
Xemade asumirá o servizo de socorrismo por un importe de 10.475,60€. De luns a venres haberá permanentemente un ou unha profesional titulada, mentres que nas fins e semana a piscina contará con dous ou dúas socorristas.