Foi a iniciativa gañadora entre os 11 equipos participantes nesta competición promovida pola Axencia Espacial Europea co apoio da Xunta de Galicia
O 15 de xullo demostrarán en Granada os seus coñecementos prácticos en enxeñaría aeroespacial a pequena escala e poderán optar á fase europea
Fixeron todas as fases dun proxecto espacial real incluíndo a creación dun satélite do tamaño dunha lata lanzado a semana pasada desde o aeródromo de Rozas
O equipo BujanSAT do IES David Buján de Cambre resultou hoxe gañador da fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. Estes alumnos representarán a Galicia medíndose con equipos de toda España o 15 de xullo en Granada para demostrar os seus coñecementos e aplicacións prácticas sobre enxeñaría aeroespacial a pequena escala. Presentarán o seu proxecto e lanzarán o pequeno satélite elaborado durante todo o proceso e, á súa vez, se gañan a fase nacional, poderán participar na fase europea CanSat 2021 da Axencia Espacial Europea (ESA) de xeito virtual en setembro.
O xurado, composto por Ángel Rodríguez, director do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI); Aquilino Abeal Pérez, director de Aeromedia UAV; Fernando Aguado Agelet, profesor titular do departamento de Teoría do sinal e comunicacións da Universidade de Vigo; Neves Seoane, directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), e Xosé Manuel García, asesor TIC do Servizo de Innovación e Formación dos Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, elixiu a proposta destes alumnos entre os 11 equipos participantes.
Valorouse a globalidade do seu proxecto, así como a claridade que os integrantes tiñan sobre a misión que debían levar a cabo, sendo especialmente minuciosos en todo o proceso e destacando o bo grao de execución no deseño do satélite. Tamén puxeron de manifesto o gran valor científico da misión secundaria coa diseminación das sementes e o seu curioso sistema de liberación controlada.
Premios en diversas categorías
O xurado tamén valorou o traballo do resto de grupos. Así, na categoría de logros técnicos o premio foi para o equipo MontecasteloSAT do Colexio As Acacias-Montecastelo de Vigo, e o accésit para o SaviSAT do CPI Dr. López Suárez do Saviñao. Na categoría de valor científico o premiado foi o grupo Planeta RDT do IES Rego da Trabe de Culleredo e o accésit para o PonteSAT do IES Eduardo Pondal de Ponteceso. As competencias profesionais tamén tiveron recoñecemento e o equipo Ortesats, do IES de Ortigueira, recibiu este premio, mentres que o PonteSAT do IES Eduardo Pondal de Ponteceso foi accésit nesta categoría. Finalmente, a mellor difusión quedou nos dous grupos que participantes do IES Eusebio da Guarda da Coruña. O MeteoSputnik foi o gañador e o Breogán XII o accésit.
A edición 2021 de CanSat contou coa participación de máis de medio cento de estudantes de nove institutos. Organízase este ano por segunda vez baixo o impulso da Consellería de Cultura, Educación e Universidade -coa colaboración específica do departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) de Santiago- e a Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative.
Experimento científico
Durante todo o proceso, os participantes realizaron as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que a semana pasada se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas.
O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Lanzaron desde un dron os CanSat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro e, a partir de aí, comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.