Alfonso Rueda compareceu no Parlamento de Galicia para informar sobre a situación da Cooperación Transfronteiriza e Interrexional do Goberno galego
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou no Parlamento galego que a UE está a apostar claramente pola cooperación transfronteiriza, polo que é o momento de que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal aproveite a súa “ampla bagaxe e enorme vantaxe competitiva” para conseguir novos fondos europeos de aquí ao ano 2020.
Rueda compareceu na Cámara autonómica para informar, a petición propia, sobre a situación da Cooperación Transfronteiriza e Interrexional. Alí explicou que esta cooperación en todos os ámbitos ten agora un punto de inflexión coa posta en marcha efectiva do novo marco financeiro da UE para o período 14-20, e moi especialmente coa aprobación do Programa Operativo de Cooperación entre España e Portugal (POCTEP) para ese período.
“Galicia e o norte de Portugal estamos mellor situados para lograr acceder a ese financiamento e conseguir fondos europeos que nos permitan afrontar investimentos moi importantes para os cidadáns”, afirmou Rueda, quen incidiu en que os proxectos financiados polo POCTEP redundan directamente no beneficio dos veciños dun e doutro lado da Raia, xa que neles participan universidades, centros tecnolóxicos, administracións públicas, cámaras de comercio ou asociacións, entre outros organismos.
Respecto ao novo POCTEP, Rueda avanzou que a Eurorrexión aspira a lograr o 40 por cento do seu importe total para toda a península, o que suporía mobilizar investimentos por 160 millóns de euros. Un importante volume de recursos que se destinarán a potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a I+D+i; mellorar a competitividade das pemes; fomentar o crecemento sostible e a mellora da xestión dos recursos naturais, e promover o emprego, entre outros obxectivos.
Cara a Eurorrexión das persoas
A consolidación do marco de financiamento ata o 2020 supón un marco de estabilidade que referenda o traballo feito e que convida a darlle un novo pulo ao desexo de consolidar unha “Eurorrexión das persoas”, que foi sempre o eixo do proxecto.
“Agora chegou o momento de poñer o acento no investimento inmaterial, no emprego, na innovación, no capital humano, como elementos clave do desenvolvemento da nosa Eurorrexión”, apostilou Rueda.
A Eurorrexión como referente europeo
Ademais de mirar cara o futuro, o vicepresidente da Xunta aproveitou a súa comparecencia para facer balance do “camiño andado” e destacou en que ao longo das últimas dúas décadas Galicia se ten configurado como un modelo a nivel europeo no bo uso de fondos da Unión e nun referente na cooperación transfronteiriza, recoñecida polas principais autoridades de Bruxelas.
Esta cooperación ten permitido que ambas rexións participasen en centos de proxectos compartidos en todos os ámbitos, con iniciativas como o Ariem 112, en materia de emerxencias, ou o Iacobus, un programa de cooperación interuniversitaria que nas dúas primeiras convocatorias conta xa con case 250 beneficiarios, entre docentes, investigadores e persoal de administración. Dentro do ámbito laboral -unha das prioridades da Xunta-, Rueda anunciou que nas vindeiras semanas se asinará un acordo entre as autoridades galegas, as portuguesas e os sindicatos da Eurorrexión a prol do emprego.
Ademais deses proxecto, valeu para por en marcha ferramentas e instrumentos idóneos para acceder en mellores condicións que os demais aos fondos europeos. É o caso da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal -que este ano celebra o seu quinto aniversario-, as eurocidades de Chaves-Verín e Tui-Valença e a macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo, coa que Galicia, Castela e León, Asturias e as rexións norte e centro de Portugal se situaron á vangarda de UE dentro do novo modelo de cooperación de segunda xeración, coa implicación directa dos cidadáns.
A primeira RIS3 transfronteiriza de Europa
Neste punto, o vicepresidente destacou que Galicia ten ido por diante na posta en marcha de instrumentos que “mesmo se adiantaron ao novo escenario que marca o período 14-20” e xa o ano pasado a Xunta de Galicia aprobou o primeiro Plan de Investimentos Conxuntos para a Eurorrexión.
Nesa mesma liña, avanzou que o Goberno galego está ultimando unha Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, que se converterá previsiblemente na primeira RIS3 transfronteiriza de Europa. Unha auténtica folla de ruta pola que discorrerán os investimentos da nosa Eurorrexión de aquí ao 2020 e que se espera que estea lista neste primeiro semestre do ano.
Esta iniciativa foi moi ben recibida en Bruxelas polos comisarios de I+D+i e política rexional durante a última visita do presidente da Xunta e permitirá optar tanto aos fondos dedicados á cooperación interrexional como aos destinados ao programa Horizonte 2020 de investigación e innovación, abrindo así unha dobre vía de posibilidades de financiamento.