Friday 22 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición do certame de murais “Muros que unen” sobre o desenvolvemento sustentable


As obras gañadoras plasmaranse no muro do patio infantil do CEIP Concepción Arenal

As bases para participar no certame poden consultarse na web municipal ou na páxina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Concello e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade lanzan o IV Certame de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ”Muros que unen”.

Tratase dunha actividade de sensibilización cuxa finalidade é dar a coñecer, a través da arte urbana, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados por Nacións Unidas para rematar coa pobreza e as desigualdades, ao tempo que se fomenta o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas.

As obras presentadas terán como temática un dos seguintes ODS:
-Garantir unha vida sa e promover o benestar para todas as persoas en todas as idades.
-Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas.
-Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas.

O prazo de solicitude para participar no certame remata o vindeiro 30 de xuño.
Poderá presentarse calquera persoa ou colectivo cuxos integrantes superen a maioría de idade. En caso de empate, o xurado valorará a participación de artistas mulleres e artistas locais, entendendo como tal quen acredite nacemento ou residencia no municipio da Coruña. Cada concursante poderá presentar un máximo de dúas propostas.

A selección das obras gañadoras comunicarase na primeira quincena de xullo e os murais realizaranse entre o 1 e o 5 de setembro no muro do patio infantil do CEIP Concepción Arenal en función das condicións climatolóxicas e segundo o plan de traballo que se acorde entre as partes. Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, e está previsto que se entreguen os premios na derradeira xornada de pintado.